Ad Astra
Onte a astrofísica galega Begoña Vila era investida doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo en recoñecemento polo seu traballo no radiotelescopio James Webb, o máis potente na actualidade. O seguinte grande telescopio no que está a traballar Vila é o Nancy Grace Roman, en recordo da que foi xefa de astronomía da NASA na década dos 60.
O esforzo das mulleres nas disciplinas científicas era nesa época, e en boa medida segue a ser, inmenso para acadar postos de responsabilidade. Ademais dos atrancos e os prexuízos, as poucas que non quedaban polo camiño tiñan que loitar contra outro factor: o borrado sistemático das súas contribucións. Se Roman aparecese nun filme sobre o programa Apolo, non faltarían autoproclamados críticos cinematográficos que o acusarían de woke e de falta de rigor histórico porque daquela non había mulleres na NASA, e moito menos sendo directoras de proxecto. Pois ben, non só as había senón que non eran en absoluto excepcionais. Maioría? Non, pero tampouco casos únicos. Xunto con casos de discriminación flagrante como o peche do programa WISE que adestraba mulleres para ser astronautas por ningunha razón en concreto (simplemente, que as mulleres non podían ser astronautas) tamén houbo casos de contribucións asombrosas a pesar da feroz oposición. Non só estaba Nancy Roman, tamén Margaret Hamilton, a programadora que escribiu o código para o primeiro viaxe á Lúa, ou a enxeñeira Joann Morgan, presente na sala de control do Apolo XII e que tamén participou na exploración do planeta Marte mediante vehículos autónomos.
Mención á parte merecen as mulleres racializadas que, en pleno apartheid americano, contribuíron enormemente á carreira espacial tendo que loitar co dobre estigma de ser muller e afroamericana, en espazos segregados non só por xénero senón por motivos raciais. O filme Hidden Figures narra a historia da matemática Katherine Johnson e outras destas persoas excepcionais.
Cando se relata a historia tamén se escolle onde se pon o foco, e o esquecemento selectivo da contribución das mulleres nos ámbitos científicos fai que teñamos que lembrar unha e outra vez que o mundo actual non foi construído unicamente por homes, e que a pesar das adversidades, xa estábamos aí.