Opinión

Outono cedo de gaitas ou o preacordo cupular prefabricado

Outono cedo de gaitas/ moceiro de ledas choivas/ meu nemigo!. cantigava o poeta neotrovadoresco

Outono cedo de gaitas/ moceiro de ledas choivas/ meu nemigo!. cantigava o poeta neotrovadoresco que arruvecería por lle dar nome a ese hospital tan tristemente inaugurado.

Conta Castelao no Sempre en Galiza que no gran discurso de Azaña a prol dos Estatutos autonomistas, deixou incrustada unha pequena frase, marca do seu orgullo castelán. Dixo que Castela non necesitava Estatuto, porque tiña que falar en nome de todos. Co réxime de autonomías rexionais, concedidas a todas as rexións menos a Castela, a Meseta conságrase como señora de Hespaña, identifícase co Estado, e as rexións autónomas pasan a ser colonias do imperio castelán.

Hoxe, salvando as distancias, a situación non é tan distinta. Seguimos a identificar no imaxinario unitarista español, que o Estado é Castela e a lingua de España única e de primeira é o castelán sendo as demais subalternas. Porque a Hespaña única comeza en 1640, coa perda de Portugal e o robustecemento do polbo madrileño. Dispois veu o demais. Continúa Castelao: O que negamos é o Estado unitario e centralista, sen porvir de xustiza nin asomos de normalidade, cuio poder soio se presenta aos hespañoes en figura de guarda-civil ou de recadador de contribucións. (...) reclamamos a liberdade integral de Galiza para que poida unirse voluntariamente e cordialmente ao resto de Hespaña. Isto escrevía Castelao há tanto tempo e parece escrito onte!

Hoxe espertamos cun outono cedo de gaitas moceiro de ledas choivas meu nemigo! Un inminente acordo político de Podemos, Anova e EU para as eleccións xerais. Con foto incluída de comboio nesa mesma orde e co comboio recuado e desprendido do BNG. A candidatura unitaria galega esfúmase ao non integrala o Bloque, di o xornal. As dúas plataformas tambén están lonxe de chegar a un mínimo consenso. Há que clarexar que a nova é dun xornal enfornado na Meseta e escrito no máis exclusivo castelán. A credibilidade tería a ser nula. Mais enseguida buliron as redes sociais de enredos, xenreiras, suspicacias, desalentos... A isto há que lle engadir as palavras de Martiño Noriega nos Almorzos de Galicia por Diante da Radio Galega onde confirma que o acordo entre Podemos, Anova e EU está a piques de culminar sen lle pechar as portas ao BNG (a posteriori, claro). E, por suposto, o lle fazer as beiras a Beiras para encabezar este comboio cara Madrí. Lembranza daquel outro que marchava cara Roma cos sete pecados capitais no Divino Sainete de Curros? Alomenos aquel do sainete levaba a Añón, de insubornavel galeguismo!

"Moitos cidadáns non militantes que participamos das plataformas cidadáns para unha candidatura unitaria ao parlamento español con Galiza como suxeito político, preguntámonos qué fica do novo xeito de fazer política"

Moitos cidadáns non militantes que participamos dunha ou doutra maneira das plataformas cidadáns para unha candidatura unitaria ao parlamento español con Galiza como suxeito político, preguntámonos qué fica do novo xeito de fazer política, da horizontalidade, da participación cidadá se ao final vai a mandar un acordo entre cúpulas destes tres partidos? Así é imposível que xurda unha candidatura nacional, galega e unitaria, como apunta, con razón, a Iniciativa pola Unión, colectivo cívico que vai a se reunir novamente este domingo, 23 de setembro en Compostela. Por se non houver xa dabondo desencontro, desconfianza e lentitude nas negociacións para unha candidatura única, agora isto.

Os cidadáns xa non sabemos se é unha estratexia dos unionistas españoleiros de cara ao referendum catalán deste domingo ou unha estratexia para rebentar a confluencia das dúas plataformas galegas pola unidade (Iniciativa pola Unión e Encontro Cidadán por unha Marea Galega). Ou se ámbalas dúas. Eu acredito nisto último.

"Non gostaría de que a historia da Segunda República e o desprezo polos galegos se repetese"

Eu son partidaria do consenso de mínimos onde Galiza sexa suxeito político con voz propria no parlamento español. Estamos nun paralelo histórico a respeito dos tempos da Segunda República. De aí a miña persoal vixilancia cos partidos dependentes de España como Podemos e EU. Non gostaría de que a historia da Segunda República e o desprezo polos galegos se repetese. Mais nunca tanto precisaramos dunha unión das esquerdas co nacionalismo galego. Hoxe como daquela tanto partidos republicanos como socialistas non se definen claramente como federalistas senón que deixan entrever o seu unitarismo español. E ese é un dos atrancos principais para acadar a candidatura única. Non se tería senón xa acadado? Que é o que o impide agás as loitas persoais e partidistas, tan mesquiñas nesta situación histórica de emerxencia nacional?

É como se o tempo neste punto, neste mal chamado "problema nacional" se tivese detido dende os tempos das Cortes polas que tanto loitou Castelao, Bóveda, Suárez Picallo e tantos outros!

Por iso a palavra rupturismo, muda constitucional, soberanía nacional... espaventa nas cabezas de polbo da meseta.

Cando un xornalista lle preguntava a Mariano Rajoy que ía pasar con Cantalunya, cal sería a actitude do governo español se gañava a independencia éste ameazava coa retirada dos dereitos de nacionalidade española e incluso europeia aos cataláns. Mais o xornalista púxoo en evidencia cando lle dixo que iso ía contra a lei.

"Así que sigamos co espírito de tolerancia e boa vontade entre os que queremos unha plataforma galega para as eleccións e non nos adiantemos ao equinoccio"

Por iso, porque son quen de enganar e manipular o que sexa, de mover Roma con Santiago para meter medo... por iso eu acredito que detrás desta nova encol do preacordo das cúpulas de Podemos, Anova e EU há interese calculado polos unionistas acérrimos.

Así que sigamos co espírito de tolerancia e boa vontade entre os que queremos unha plataforma galega para as eleccións e non nos adiantemos ao equinoccio. Sigamos a traballar por Galiza con espírito xeneroso pensando no pasado, presente e futuro da nosa Terra e deixándonos de andrómenas e gaitas. Fagamos oídos xordos aos fervellasberzas e os ferrapulgas da política e dos medios de confusión de masas e participemos da política das bases en gollarapos, ou sexa, en coiros, sen ataques do pasado nin remorsos. Mirándonos aos ollos directamente sen necesidade de intermediarios. Coa democracia limpa, de base. Coa ollada posta no povo que somos e no futuro que queremos para decidírmolo nós por nós mesmos dende todas as tribunas democráticas!

Comentarios