E ti que Escoitas?

Da lingua, da música e dos nosos altofalantes!

Se falamos da difusión cultural, lingüística ou musical no noso contexto e territorio os medios públicos acoden á nosa mente en primeiro lugar, sempre de xeito deficitario, sempre coa sensación de frustración dun cando vai mellorar isto?  O papel dos medios públicos semella que é o que falta para xerar públicos e difundir o valor de todo o que ese está a crear no País. O momento de comprobar se isto vai ser así faise esperar e mentres tanto... Onde non chegan os medios públicos inventamos diversos remedios que non son de todo suficientes!

Desde a miña ollada particular, en concreto, para consultar sobre música galega actual vou moito ao Ábrete de Orellas de Pepe Cunha. Non entro na web da radio pública nin cousa similar como de certo sería natural facer.  Penso en música, concertos, eventos e penso no Ábrete de Orellas. E non creo que sexa a única que abre o Portal Web (https://abretedeorellas.com/) ou escoita os podcast cando quere saber da actualidade musical de noso.

Podemos contar sucintamente a historia do Ábrete de Orellas, que comezou a emitirse en Radio Kaos, unha emisora universitaria de Ferrol. Cando pechou Radio Kaos pasou a Rádio FilispiM, unha iniciativa na que participou Pepe desde o seu nacemento. Hoxe o programa pode escoitarse na radio libre ferrolá FilispiM, Radio Redondela, Allariz, Piratona, Roncudo, A Xente de Teo, Allariz, Pontevedra Viva radio ou en CUAC FM. Un programa adicado a difundir novidades musicais, unha completa axenda de concertos para Galiza, etc. Ademais Pepe Cunha gañou grazas a Ábrete de orellas e ao seu persistente traballo os premios Martín Códax ao mellor Espazo de Comunicación Musical en 2016 e 2018. E tamén publicou o libro Guadi Galego. Pola beira da canción de Edicións Embora. Así mesmo promoveu, redactou e comisionou a exposición cantaMOLAen galego. A aposta máis interesante que teño visto para dar a coñecer a música galega e en galego á mocidade.

Mais acontece que esta situación de resistencia, información alternativa ou militancia da música leva activa xa 20 anos. E claro, por unha parte celebramos ese 20 aniversario do Ábrete de orellas con moita ilusión pero reflexionamos tamén sobre a carencia de difusión ao redor da nosa música. Para Pepe, que ten o mérito de levar máis de 20 anos aí, Ábrete de Orellas é un programa de radio que deu lugar a outras cousas. Pero ao fío reflexiona tamén sobre a fraxilidade da nosa industria musical porque identifica que a promoción da música galega remata sendo algo moi persoal de intereses e burbullas particulares afectadas por algoritmos de busca na rede. Algo do que intuitivamente somos conscientes todas e todos. Sabemos que existen opcións hoxe, que nace música galega de todo tipo para todo tipo de gustos cada día. Pero tamén sabemos que dentro desta morea de información que chega ao mundo e ao universo da comunicación e das redes a diario é difícil que a música de noso se asente sen un reforzo do altofalante principal. E ademais sabemos algo dunha burbulla que fai que vivamos nun fragmento moi moi parcial da realidade.

Hai uns anos escribín sobre a idea de burbulla de pensamento nacida aló polo 2015. Unha idea que no seu momento Eli Parisier explicou para que fósemos quen de comprender que desde hai aproximadamente unha década o universo internet crea burbullas que nos fan pensar que temos información, que estamos actualizadas. Mais realmente estamos podendo visualizar unha parte moi pequena do existente marcada sempre polos nosos gustos e buscas.

Este fenómeno da burbulla de pensamento xa intuídes que vén promovido polo funcionamento dos algoritmos de busca e de uso de diversas redes. Estes algoritmos van facendo que as nosas preferencias e gustos definan o que vemos tanto nun buscador como na “rede social de moda”. E así dun lado e doutro van agromando realidades novas e non tan novas. Nacen iniciativas galegas e en galego que non chegamos a coñecer, morren outras despois de ter acadado certa proxección, ... Cinema, música, literatura, podcast, webs, realidades emerxentes, fusións, ... Vaia un collage difícil de ver no seu conxunto porque o que artellaría do mellor xeito posíbel isto serían os nosos medios públicos e galegos, cos seus novos twichs, chíos, tiktoks, etc.

E aí están as iniciativas como as de Pepe que penso que debemos celebrar e felicitar, iniciativas que teñen o facho acendido ata que vaia chegando un momento de noso. Pepe dinos sempre, en cada charla, en cada exposición, que nunca houbo tanta música en galego e con tanta creatividade e variedade. El di que a pandemia, o compromiso das novas xeracións co galego e o fenómeno Tanxugueiras conseguiron nestes tres últimos anos que cada vez máis xente demande música en galego. Mais sinala que agora “necesitamos crear unha estrutura que faga que todo o bonito que se está facendo agora non se perda”.

Insistamos nós nesta idea tamén, desde cada pequeno ou grande evento, levemos na man a testemuña que nos poida facer saír desas burbullas nunha carreira de relevos ata a meta da lingua e da música normalizadas e de calidade. Para que un día compor, cantar ou  facer versións sexa habitual e naturalmente feito en galego.