Opinión

Turismo como colonialismo

Andan a vendernos o turismo como a gran solución. Din que a recuperación ten de vir por fomentar un ritmo vertixinoso de desprazamentos e da ocupación continua e masificada do espazo. Por render pleitesía a quen, moitas veces explotado e menoscabado no seu lugar de orixe, pensa que a golpe de tarxeta ten dereito a sentirse alguén a base de servilismos alleos. Festa baleira e realidade estimulada para que a fantasía mude en mercadoría e valor de troca. Un modelo no que só importa que o turismo consuma produtos, aínda que sexamos nós os consumidos. Semella que non hai vida alén do turismo e da hostalería, actividades das que se fan depender a industria, comercio e agricultura de moitas e diversas zonas xeográficas. Porén, é abondo a problemática ocasionada por basear o deseño económico nun turismo que converte todo en produtos ready-to-eat e en fachadas de cartón pedra. Mais pensar na capacidade do turismo para soster economicamente un territorio é un engano que pode carretar perniciosas consecuencias, coma xa ben se está a ver.

A turistificación é un modelo feble e volátil, que depende en exceso de modas, tendencias, factores climáticos e naturais, de percepcións subxectivas e dunha morea de imprevistos que fan oscilar enormemente a flutuación da demanda turística. Tanto a especulación como a inflación na alimentación, na vivenda, nos transportes ou no lecer, derivadas da actividade turística, están a provocar enormes distorsións nas economías locais e nos grupos de menor poder adquisitivo. O traballo que xera adoita ser precario, estacional, temporal, con baixos salarios e prolongadas xornadas laborais. Ademais, moitas veces, o degoxo por satisfacer os gustos e preferencias do turista acaba marxinando ou facendo desaparecer actividades produtivas que non encaixan ou son incompatíbeis coas infraestruturas e servizos dedicados en exclusiva a este sector.

O deterioro do medio natural supón outro dos grandes prexuízos deste tipo de aposta. Que o turismo se alimenta de cemento é algo doado de constatar. A súa garula pola construción sempre anda na procura de eludir medidas de protección ambiental e urbanística, dificultando os desenvolvementos sostíbeis e integrados. Así mesmo, o consumo de auga, enerxía, e todo tipo de recursos, co correspondente medre de refugallos, dispárase nas zonas turísticas. Nelas, tamén, as masivas e mestas afluencias de visitantes incrementan notabelmente a degradación do entorno, natural e social, xerando contaminación ambiental, visual e acústica do territorio e da paisaxe.

O impacto socio-cultural é outra das fasquías que pode repercutir moi negativamente nas relacións sociais e comunitarias. Situar a actividade turística como algo prioritario está a facilitar procesos de elitización ou “gentrification”, nos que determinados barrios déixanse deteriorar intencionadamente para botar os seus residentes en beneficio de promotores privados e ocupación por rendas altas. Obsérvanse, a miúdo, comportamentos irrespectuosos e prepotentes, por parte de visitantes que pensan que todo está á venda e todos ao seu servizo. Xente que devece desesperadamente por consumir tipismo e que fai presión para que a realidade se acomode ás súas concepcións distorsionadas e enchoupadas de ignorancia e de prexuízos.

Por outra banda, en sociedades politicamente dependentes, como a nosa, esta degradación adoita atinxir tinguiduras de auténtico colonialismo e de pura agresión. Posturas ostentosas e intolerábeis de supremacismo españolista, onde se aproveita calquera oportunidade para arremeter contra símbolos, manifestacións e expresións da nosa identidade. Burráns xactanciosos que non saben, nin queren saber nada fóra da súa estreiteza mental. Badocos cuxa satisfacción vacacional pasa por tentar humillar e provocar escenas de dominación que ninguén, que teñamos un algo de aprecio polo noso, lles deberíamos tolerar nin consentir.

Recoñezo que este ano botei en falta non ver máis faixas, cartaces ou pintadas en sinais ou indicadores fronteirizos, nas que aparece “Galiza”, ou outras que ilustran a despistados de que “Galiza is not Spain” ou “Galiza nom é Espanha”, nun exercicio de información, dignidade e pedagoxía axuntadas!

Comentarios