Opinión

Somos unha nación cívica

Cómpre parabenizar a recente campaña desenvolvida por Vía galega, afortalando a conciencia de país. Temos que continuar a tarefa de desmitificar e desmontar os lugares comúns de todo ese ideario nacionalista español elaborado durante anos, desde instancias xurídicas, políticas e mediáticas, co que se pretende agachar e negar a realidade plurinacional do Estado español.

Vivimos nun desprezo á democracia, onde as lexítimas pretensións de revisar o modelo de Estado coliden coa negativa absoluta a considerar calquera alternativa que non se fundamente na concepción de España como única nación. O estrondoso fracaso do proxecto nacionalizador estatal español, e a súa incapacidade histórica de aceptar e respectar a plurinacionalidade, conducen a que a nación e a identidade española se impoñan a través da aplicación de permanentes actuacións xudiciais e policiais. Unha visión esencialista e fundamentalista que só tolera un único demos, o pretendidamente xenuíno pobo español. Un pobo español presentado como feito indiscutíbel, primordial, predeterminado e produto incuestionábel dun destino histórico e cultural.

Nesta endémica carencia de cultura democrática, omítese que ese demos está fortemente cuestionado e que a definición do mesmo non é algo unanimente aceptado dentro das fronteiras do Estado. Eiva que aínda se fai máis evidente cando nin importan nin se respectan outras historias, outras identidades, outras culturas, outros sentimentos de pertenza e, sobre todo, outras vontades. Este Reino atrinchéirase na defensa fundamentalista dun único nosoutros, sen permitir a posibilidade de vivir libremente na diferenza e de votar a discrepancia. Intransixencia visíbel, tamén, no papel dun Tribunal Constitucional relegado a ser gardián das esencias patrias e totalmente entregado á misión españolizadora.

Resulta obvio, coma sinalou Andoni Olariaga referíndose á construción española, que quen dispón da forza, quen posúe os medios e as estruturas de Estado, ten todas as bazas para reproducirse coma suxeito destruíndo as diversidades internas. Unha posición de poder desde a que se atreven a definirse como unha nación cívica mentres reservan a cualificación de étnicas para as que carecen dun armazón estatal, deturpando e mesturando os conceptos segundo lles convén. Porque, como ben saben ou deberían saber, nesta controvertida e máis que discutíbel dicotomía, a nación cívica ou política non é a que posúe un Estado, nin a étnica ou cultural a que carece del.

A nación política, como lembra Xacobe Bastida Freixedo, é a que emprega como chave fundamental de construción nacional a vontade de pertenza dos seus membros e non a que ten un Estado. Na nación étnica, pola contra, os factores da membresía son indispoñíbeis e alleos á vontade; non é tal por carecer de Estado ou por arelar a soberanía. Pois ben, ao pouco que afondemos, comprobamos como hai que mudar esta atribución de cualificativos. Porque a concepción constitucional e xudicial da nación española correspóndense máis coa nación étnica, recorrendo á imposición forzosa e impedindo a manifestación do desexo de pertenza.

O carácter e o ámbito nacional español danse por sobreentendidos e indispoñíbeis, sen permitir a expresión libre da vontade constatada por vías democráticas e consultivas. A indisolúbel unidade nacional, como realidade preconstitucional, prepolítica, imposta e esencialista, fundamenta unha Constitución fortemente identitaria, redactada baixo a tutela e as pautas dunha ditadura. No modelo nacional español non caben nin a liberdade nin a democracia porque se está a negar a existencia doutras realidades nacionais, impedindo o seu pleno autogoberno, prohibindo a posibilidade de decidir o seu futuro e reprimindo os intentos de expresar libremente a súa vontade.

Galiza somos unha nación aberta, inclusiva, plural, defensora dos dereitos humanos e do dereito democrático a decidir. Tamén, claro que si, somos unha nación con historia, lingua, cultura e recursos de seu que queremos desenvolver e xestionar en liberdade. A nosa vontade de ser levounos ao recoñecemento político internacional en 1933. Así pois, e postos a cualificar, somos un exemplo de nación cívica.

Comentarios