Opinión

Occidente e as credenciais de democracia


Foron as loitas da cidadanía desposuída quen evidenciaron o uso interesado que os usurpadores da riqueza e do poder fan da democracia

Sempre gostei da consigna "esta é a súa democracia". Nos actos de protesta, a mesma amósase como expresión radical de denuncia; como unha interpelación dirixida a un poder que se atribúe o monopolio para definir e decidir que é democrático e quen é demócrata. É un berro que desafía o discurso dominante, non para rexeitar a democracia senón para cuestionar a súa mutilación, desvelar a súa apropiación e esixir a súa ampliación. Unha interpelación dirixida a rexeitar o límite co que as relacións sociais capitalistas procuran desesperadamente bloquear a expansión da emancipación humana no persoal e no social.

De feito, desde as revolucións burguesas do século XVIII, a burguesía sempre procurou limitar a expansión e ampliación dos dereitos que as súas declaracións universais proclamaban. Tiveron que ser as loitas dos escravos, das mulleres, da clase traballadora, dos pobos colonizados e da cidadanía desposuída quen evidenciaron o uso instrumental e interesado que os usurpadores da riqueza e do poder fan da democracia. E, na involución actual, calquera pretensión de afondar na democracia está a ser contestada mediante o recorte sucesivo de dereitos políticos e sociais, o medre da vixilancia e do control e a condena e cualificación como de antidemocráticas daquelas alternativas que pretendan ir alén do modelo económico e social imperante.

As declaracións, obrigas e resolucións que con tanta solemnidade se presentan, só existen cando convén. Refiramos, como exemplo, a Resolución 46/137 da ONU na que se lembra que non hai un sistema político ou un método electoral que sexa igualmente axeitado para todas as nacións. Tamén estabelece que, de conformidade coa Carta das Nacións Unidas, todos os Estados gozan de igualdade soberana para que, de acordo coa vontade do pobo, teñan o dereito de elixir e desenvolver libremente un sistema político, social, económico e cultural independentemente de que este se axuste ou non ás preferencias dos outros Estados. Outro exemplo a salientar, a Carta de Dereitos e Deberes Económicos dos Estados, na que se proclama a soberanía sobre os recursos propios e se recoñece o dereito a regulamentar as inversións estranxeiras, supervisar as actividades das empresas transnacionais e nacionalizar ou expropiar a propiedade dos seus bens por razóns de utilidade pública. Porén, neste modelo de comerciantes sen escrúpulos, a letra e o cumprimento dos pactos e dos acordos interprétase unilateralmente e sempre en beneficio dos máis fortes.

Os estándares de democracia están a ser suplantados por outros máis funcionais aos novos xeitos de acumulación de riqueza en beneficio das oligarquías

Neste autoproclamado Occidente dos valores, dirixido polo G7 e a OTAN, repártense credenciais de democracia en función da submisión ás normas de libre mercado e da mercantilización da vida e das relacións humanas. Por isto, nos últimos 75 anos, foi posíbel compatibilizar a súa democracia coa instigación de cruentos golpes de estado contra réximes democráticos, co apoio a ditaduras sanguentas e brutais, coa creación de operativos e de redes de terror como a Gladio ou a Cóndor, co recurso á mentira e a censura para xustificar guerras e saqueo de países, así como coa indiferenza perante xenocidios e ataques brutais contra minorías étnicas e nacionais. Por isto, a súa democracia ampara a vulneración de dereitos humanos contra palestinos, saharauís ou kurdos, sométese a Cuba a un bloqueo criminal, criminalízase Venezuela e recupéranse discursos belicistas suicidas como na guerra fría.

Os dereitos que tanto custou acadar, e que chegaron a suscitar un importante consenso social como guías para acadar unha sociedade máis libre e xusta, están sendo esquecidos e substituídos por criterios tales como os da competencia exacerbada, os da rendibilidade a curto prazo ou os do crecemento desaforado a calquera prezo. O que acontece, a fin de contas, é que os estándares de democracia están a ser suplantados por outros máis funcionais aos novos xeitos de acumulación de riqueza en beneficio das oligarquías. Novos estilos de dominio e de vasalaxes, baixo a aparencia de "democracias de protección", que non só restrinxen a participación política, senón que potencian a conversión dos poderes públicos en instrumentos directos ao servizo do capital. A súa democracia!

Comentarios