Opinión

Inflación, guerra e saqueo de rendas

Estamos afeitos a aceptar como naturais e inevitábeis aquelas situacións nas que as clases populares padecemos as consecuencias dun modelo económico cuxa razón de ser consiste na procura do máximo beneficio privado a expensas da riqueza social. O discurso dominante é moi eficaz enchoupando conciencias ou silenciando calquera vestixio de crítica e de alternativas que reborden os marcos definidos polo dominio de clase. E agora, nese relato, o encarecemento dos prezos explícase unicamente como resultado do conflito bélico entre Rusia e Ucraína, descartando razóns referidas a trazos estruturais do réxime de acumulación e esconxurando interrogantes incómodos para a propaganda oficial.

Con certeza, son varias as cuestións que se tenta fiquen excluídas do debate público. En primeiro termo, cabe salientar que a senda inflacionista é previa a esta guerra. A suba de prezos dos alimentos e doutras materias primas xa comezara antes da invasión; o problema xa viña de antes. O índice de prezos de materias primas alimentares medrou un 50% entre 2019-2021. No ano anterior á guerra os prezos dos combustíbeis fósiles, da electricidade e dos alimentos, entre outros produtos, xa estaban en plena evolución alcista. De feito, existía grande preocupación en organismos, como a FAO, polo impacto desta carestía nos países do Sur global obrigados ao abandono dos mecanismos de seguridade e soberanía alimentar e forzados a se inserir, desprotexidos, nun sistema dominado polos agronegocios, os mercados de futuro e a especulación financeira, a través dos commodities, onde unha minoría de multinacionais controlan a produción e fixan os prezos. Esta guerra e, sobre todo, as medidas sancionadoras están a reforzar unhas dinámicas que xa existían e a agravar os seus efectos. Unha guerra, por certo, que non interesou evitar porque o amo estadounidense, coa colaboración do seguidismo europeo, pretende conservar o papel de xendarme mundial e frear o seu devalo hexemónico mediante prácticas imperialistas e guerras híbridas.

Outra cuestión eludida é a das consecuencias sociais da inflación. As elites piden sacrificio compartido, isto si, envoltas en produtos suntuarios para os que a maioría teríamos que aforrar durante moitas vidas. Mais esta crise, como todas as crises, páganas as rendas baixas que destinan a maior porcentaxe do seu consumo a bens e servizos de primeira necesidade, como a factura enerxética ou a cesta da compra, sendo sempre as que padecen a maior perda de poder adquisitivo e de capacidade de aforro. Gañan os que impoñen os prezos e as condicións de traballo e perden e se sacrifican aqueles cuxos salarios dependen da cobiza e o mantemento da taxa de ganancia.

Semella, tamén, desbotarse o feito de que a riqueza, alén de crearse pode arrebatarse. A extracción e captura de rendas faise mediante políticas de protección, privilexios e vantaxes outorgadas por gobernos e institucións financeiras internacionais aos grandes oligopolios en detrimento de autónomos, pequenas empresas, consumidores e contribuíntes, constituíndo un auténtico saqueo que empobrece, aínda máis, os sectores populares. Saqueo e apropiación do valor que implica aumentar os beneficios sen dar nada a cambio, sen facer contribucións á produtividade e apropiándose impunemente da riqueza dos demais. E todo isto, coa conseguinte perda de ingresos públicos e incremento da fenda social. Para mostra, aí temos os privilexios e a descarada protección política aos oligopolios enerxéticos, onde o obxectivo da regulación é garantirlles un altísimo nivel de beneficios prescindindo absolutamente do interese xeral.

Faise, pois, urxente insistir sen complexos nas alternativas que tanto molestan ás oligarquías e que a censura, nada encuberta, tenta agachar ou condenar ao ostracismo. Propostas razoábeis e xustas orientadas a corrixir o saqueo e as enormes desigualdades. Reformas que aborden a serio a carga fiscal dos ricos, o estabelecemento dunha renda básica, universal e incondicional, a actuación contra a evasión e os paraísos fiscais, a potenciación dos servizos públicos, a promoción de xeitos de consumo alternativos e a aposta por modelos enerxéticos ao servizo das comunidades.

Comentarios