Opinión

Dúas faces do supremacismo españolista

O nacionalismo español, incapaz de recoñecer e de aceptar a plurinacionalidade do Estado, é necesariamente supremacista. Entre as súas principais fasquías están tanto a de negar a existencia doutras identidades nacionais coma a de reprimir as lexítimas arelas para construír libremente o seu futuro, obviando as consecuencias de alleación, subordinación e dominación incompatíbeis cun sistema democrático de respecto á convivencia, á pluralidade e á diferenza. Unha das faces deste supremacismo, ben fraguado na ditadura, amósase indisimulada nun rancio sentimento de superioridade e nesa actitude de prepotencia e de desprezo cara aos outros sentimentos de pertenza. Un supremacismo presente, sobre todo, nas forzas políticas de dereita e de extrema dereita, e nas institucións que estas controlan, así coma nas agrupacións esencialistas a prol da imposición da lingua e da cultura españolas.
Expoñente desta postura supremacista, imbuída de ideario e de tópicos do franquismo, podemos contemplalo nas opinións de quen foi un filósofo ao servizo do españolismo, Gustavo Bueno. Babecadas como as de que no Estado español "a visión do mundo a través das linguas diferentes do castelán é primaria e rural" ou de que "afastadas de España, as Comunidades Autónomas só poden reivindicar un interese folclórico, mais non histórico", fan parte dese resentido e ruín identitarismo que está no cerne das mentalidades coloniais. Asneiras que, sen agachadas, inzan de mentiras os discursos e os faceres destas organizacións e dos seus membros.

Porén, hai outro xeito de supremacismo máis velado, sutil e intelectualizado que ás veces, baixo un aparente progresismo, encobre con condescendencia a falla de recoñecemento da plena igualdade e a ausencia de consideración e de respecto para coa libre capacidade dos demais. Moitas veces imperceptíbel, esta posición percorre entrevistas, artigos, declaracións, análises e un sen fin de actos nos que se presume de entendemento e de diálogo. Imos pois, a seguir, reflectir algúns destes outros lugares comúns que, consciente ou inconscientemente, ignoran a situación subalterna dunha das partes.

Cantas veces temos escoitado cualificacións de etnicismo e soportado a falsa acusación de que consideramos irrelevante o que pensa a xente sobre a súa pertenza! Con todo, ningunha mención a un Estado tinxido de fundamentalismo que impide consultar, que imposibilita comprobar as vontades e que prohibe a libre expresión das mesmas. Tamén cren ilustrarnos teimando sobre a artificialidade de fronteiras e de nacións, ao tempo que se mantén un silencio cómplice perante a política recentralizadora do Estado, a reacción irada contra calquera intento de ampliar competencias autonómicas ou ante a ameaza persistente contra quen cuestione a indivisibiliade do Reino. Semellan situarse nun podio moral cando se dirixen a nós para falar de sociedades abertas, mestizaxes e coexistencias culturais mentres o Estado desprega toda a artillería xurídica para blindar e hexemonizar a cultura española ao custo da subordinación e o cerco das outras realidades nacionais. Aparentan equidistancia falando do erro de politizar un instrumento de comunicación, como a lingua, sen facer mención ao feito de que unha delas está protexida, garantida e privilexiada ao máximo rango legal e sen importar que os outros falantes topemos coa crúa realidade política cada vez que pretendemos vivir, precisamente, na normalidade. Transmiten tamén a idea de que somos nós a orixe da tensión e da confrontación, por reivindicar a nosa existencia, mais non dirixen ningún reproche a quen dispoñendo dos medios de poder recorre ao uso da forza para impedir o exercicio de dereitos e liberdades e nega, mitificando e sacralizando o Estado nación, a capacidade de poder decidir o futuro.

A verdade é que resulta sarcástico que nun Estado que obriga ao recoñecemento dunha única nación, que privilexia e impón a súa lingua e cultura, que desenvolve unha agresiva política asimilacionista contra a diversidade e que amosa unha enorme belixerancia contra calquera disidencia na cuestión nacional, non se identifique claramente onde está o supremacismo.

Comentarios