Opinión

Criterios vellos en tempos novos

Dá a sensación de ficarmos rebordados pola celeridade das mudanzas que se están a producir nesta sociedade globalizada a cabalo dun capitalismo desbocado. Semella non só movérmonos unicamente á defensiva, perante esta barafunda sorprendentemente veloz e proteica do modelo de acumulación, senón que mesmo nos descolocamos e desconcertamos como para reaxir con acerto. Cando lembro a inquietante frase de Gramsci na que afirmaba que o vello mundo morre, o novo mundo tarda en aparecer e neste luscofusco xorden os monstros, teimo en se non serán os monstros quen constrúan o novo mundo.

Di Franco Beriardi que estamos a ofrecer modelos de pensamento e de acción con pouca vitalidade e capacidade de atracción e de orientación das masas. Pode que non lle falte razón e que, perante situacións de mutacións sociais tan rápidas, nos dominen as inercias e respondamos con xeitos que, en moitas ocasións, resultan ritualmente repetitivos, acartonados e pouco eficaces. De feito, o poder do capital dispón hoxe, coma nunca na historia, de medios e instrumentos que se readaptan e renovan incesantemente para manter e intensificar a explotación, a opresión e a dominación. Un enorme poder capaz de arrasar coa natureza e de someter as conciencias, definindo e estabelecendo comodamente o que existe, o que é posíbel e o que é xusto e inxusto.

Se nos fixamos na esfera económica, achamos unha actividade frenética do capital orientada a innovar a calquera prezo e a procurar condicións cada vez máis favorábeis para a acumulación e o incremento do beneficio nunha competición sen límites e sen escrúpulos. Vemos, tamén, que os obxectivos de sempre, como a expansión e dominio dos mercados, a apropiación dos recursos naturais e dos coñecementos e máis a explotación da man de obra, operan e se realizan con novas, poderosas e sofisticadas técnicas de control e de represión sobre individuos e poboacións.

No plano político asistimos a unha involución democrática global. A crise económica e de lexitimidade institucional estase a reconducir cara a despolitización e ao desapego dos valores e ideais democráticos. Os poderes económicos tiran desa desconfianza reclamando gobernos exclusivamente técnicos ou de "expertos", avalando gobernos autoritarios que só respondan perante as oligarquías. Un baleirado de contido e da confianza na democracia, tal e como se amosou na enquisa internacional do Pew Research Center realizada hai cinco anos. Involución que pretende evitar o protagonismo popular limitando a capacidade da xente para incidir ou participar na toma de decisións.

Tamén os modelos de traballo tradicionais van sendo substituídos por novas formas, nas que os avances tecnolóxicos e informáticos permiten reestruturacións constantes dos sistemas produtivos, facilitando a dispersión xeográfica de actividades dirixidas desde a distancia. A mesma esfera da produción e do traballo, cunha clase traballadora enormemente estratificada e fragmentada, está a deixar de ser un lugar específico de formación dunha identidade obreira que se vai desprazando cara outros ámbitos da vida e das experiencias persoais mentres a propia fábrica se vai afastando da vida social. Aspectos estes entre outros que, segundo Samir Amín, afectan fondamente tanto á estrutura de clases socias como a percepción dos problemas e desafíos por parte dos e das traballadoras.

Retroalimentándose neste proceso, os xigantes tecnolóxicos da comunicación e da información constrúen, sen control e sen apenas oposición, unha era do capitalismo da vixilancia, como a definiu Shoshana Zuboff, na que a nosa intimidade constitúe a fonte de produción dunha materia prima procesada en datos para nos converter en consumidores domesticados e compulsivos. Redes, realidades virtuais e metaversos para afogar a conciencia crítica e incrementar vendas e beneficios.

Vivimos nunha inestabilidade extrema na que se fai preciso crear novos xeitos de resistir e de combater. Cómpre, pois, confrontar mediante novos modos de discurso, de resistencia e de desobediencia, observando sen prexuízos e sectarismos as loitas contrahexemónicas e de contrapoder que, perto ou lonxe, estean a desafiar o actual sistema de dominación. Somos o 99% e podemos parar a barbarie.

Comentarios