Opinión

A caricatura autonómica

Que o modelo autonómico, no canto de evoluír cara a un federalismo plurinacional como inxenuamente auguraban algúns, ía ficar nunha parodia descentralizada era algo desde sempre anunciado. Xa non é que no Estado español haxa unha carencia histórica estrondosa de cultura e de práctica democráticas, senón que no Reino nunca se aturaron as arelas lexítimas de autogoberno das nacións periféricas. Por isto, desde hai tempo, está en marcha un proceso involutivo de baleirado das competencias autonómicas que vai parello coa afirmación e imposición supremacista dos poderes estatais. E, neste proceso continuo de cercado e control, os Parlamentos autonómicos constitúen un obxectivo prioritario a someter e neutralizar como símbolos das expresións representativas proprias das Comunidades.

Houbo condenas por desobediencia ao Tribunal Constitucional, por deixar iniciativas a prol do proceso soberanista

As alarmas acenderon un 30 de decembro de 2004 cando o pleno do Parlamento Vasco aprobara por maioría absoluta a Proposta de Novo Estatuto Político de Euskadi (coñecido coma Plan Ibarretxe), após os falidos intentos do Goberno Central para frear a súa tramitación. Xa no Congreso dos Deputados, e prescindindo da relevancia que supón a reforma estatutaria dunha Comunidade histórica, o tema despachouse decontado na fase de debate e votación de totalidade, liquidando definitivamente a posibilidade da súa tramitación. Así, e alén de facer unha interpretación torticeira dos preceptos constitucionais, a falla de consideración e respecto a unha decisión do máximo órgano representativo dunha Comunidade Autónoma evidenciou ás claras a nula valoración e abafallo en que se tiñan as institucións autonómicas. 313 votos en contra (PSOE, PP, IU, CC e CHA) e 2 abstencións (ICV), fronte 29 a favor (PNV, ERC, CIU, EA, NaBai e BNG)), impuxeron a lei do silencio para negar a posibilidade de debater, reflexionar, negociar e, sobre todo, recoñecer e aceptar democraticamente a realidade da diversidade nacional do Estado. Seis anos despois o Estatuto catalán foi cepado a conciencia polo Tribunal Constitucional.

Vista a maioría absoluta do independentismo catalán, acadada en 2015, acelerouse esa estratexia centralizadora mediante a modificación da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional transformando ao mesmo nun instrumento chave ao servizo do proceso recentralizador, sen importar a súa deturpación e desprestixio. O propio Tribunal, ben satisfeito cos novas prerrogativas, comezou a mudar os seus criterios e a exercer un control preventivo e férreo sobre a actividade dos Parlamentos Autonómicos obrigándoos a situarse nunha relación de obediencia e de subordinación xerárquica inconcibíbel e inaceptábel en democracia. Agora só se pode debater aquilo que o Tribunal considera aceptábel, sen sopesar que as iniciativas parlementares poden ser modificadas durante o debate ou que moitas das resolucións van ter efectos meramente declarativos sen real transcendencia xurídica. Ao final, a posibilidade dun debate libre con todo tipo de argumentos sexan constitucionais ou non, símbolo da democracia, fica, deste xeito, secuestrado na periferia do Reino.

A posibilidade dun debate libre con todo tipo de argumentos fica, deste xeito, secuestrado

Houbo xa condenas por desobediencia ao Tribunal Constitucional, por permitir iniciativas a prol do proceso soberanista. Pois ben, un dos últimos actos deste esperpento é a querela presentada pola fiscalía, e aceptada polo Tribunal de Xustiza de Catalunya, contra Roger Torrent e os membros independentistas da anterior mesa do Parlament, tamén por desobediencia a aquel. Aconteceu que o Tribunal Constitucional os advertira de que non podían permitir iniciativas, debates e votacións nos que se cuestionase a monarquía ou se defendese o exercicio do dereito de autodeterminación. O suposto garante dos dereitos e liberdades négalle aos representantes lexítimos dun pobo a posibilidade de expresar o que pensan dunha institución ou reclamar un dereito recollido nos principais textos internacionais.

O compromiso firme cos valores democráticos ou a finura e elegancia que supoñen as interpretacións abertas dos textos constitucionais, a fin de encaixalos ao máximo neses valores e afondar nas liberdades tal e como adoita acontecer cos Tribunais doutros lares e con parellas funcións, son sacrificados no altar da imposición dunha patria común, indispoñíbel e indiscutíbel.

Comentarios