Opinión

A batalla cultural

O proxecto neoliberal de instaurar un modelo desbocado, salvaxe e sen trabas para a acumulación do capital precisa afortalar a súa hexemonía, como supremacía, mediante o dominio cultural sobre unha sociedade cada vez máis plural, complexa e diversa. Neste sentido, levamos tempo aturando unha ofensiva mundial devastadora orientada á redefinición e imposición de percepcións, crenzas, valores, costumes, institucións e explicacións que fan parte dunha cosmovisión moral que facilita e lexitima o statu quo da explotación, dominación e desposuimento da maioría. Unha ofensiva, abandeirada pola extrema dereita, dirixida a manter  privilexios de clase, xénero, relixión, raza ou nación e as correspondentes formas de desigualdade derivadas das heteroxéneas formas de poder presentes nas sociedades.

Nesta guerra cultural na que se amalgaman a exaltación da liberdade individual, do libre mercado e da moral tradicional, arremétese sen piedade tanto para desmantelar o social, en canto xustiza e solidariedade, como a propia democracia, en canto dereitos e participación. Co desmantelamento da sociedade procúrase que os individuos e as familias asuman a cobertura de todas as súas necesidades e se sitúen como responsábeis, ou culpábeis, únicos do seu benestar. Coa desdemocratización téntase cepar o político e conter a contestación social, liquidando calquera imaxinario de mudar o sistema. Deste xeito, vaise facendo doado instaurar modelos cada vez máis autoritarios que, alén de impedir avances e ampliacións da democracia, impoñen leis e prácticas retrógradas no moral e regresivas no político e no económico. 

Aturamos unha ofensiva mundial abandeirada pola extrema dereita e dirixida a manter privilexios de clase, xénero, relixión, raza ou nación

Contra o que o relato aparenta, o mercado desregulado e a moral tradicional combínanse para, mediante códigos de conduta, reproducir as desigualdades, a estratificación, a apropiación e o saqueo. Trátase dun tipo de moral que lexitima a división sexual, racial e de clase, apuntalando as xerarquías, a colonialidade e a submisión, para que cada quen desempeñe correctamente o seu rol no reparto de beneficios e cargas, prestando unha axuda inestimábel para que a man invisíbel do mercado siga a apañar en beneficio dos de sempre. Todo un abano de promesas dirixida a homes brancos, heteros, cristiáns e occidentais que se compensan e segurizan co exercicio de poder sobre mulleres, migrantes, homo e transexuais, ou contra todo aquel que desestabilice esa cadea de dominación, mentres a cadea de valorización do capital segue a roular sobre a discriminación de xénero, de migrantes sen cidadanía, de pobreza severa, de riqueza obscena e do esfarelamento das prestacións e servizos públicos.

A irracionalidade e a agresividade enchoupan a práctica e o argumentario desta acometida. Relixión, ficción, falsidades, falacias e boutades de toda condición confrontan, sen ningún pudor, coa razón e con feitos e evidencias incuestionábeis, a medida que se van presentando o odio e o supremacismo  como recursos e como signos de fortaleza. Unha estratexia, tamén, de permanente trivialización na que se fomenta a indiferenza polo sufrimento humano e na que todo se desvaloriza, fundamentalmente as análises críticas, os valores da democracia e os principios da esquerda que, moitas veces, fica atrapada e descolocada sen máis recursos que respostas acartonadas, pusilánimes ou requintadas. Porque, ben á vista está, a agresividade e o descaro fan parte da escenografía desta cruzada de libre mercado e de reacción moral conservadora na que, rebordando cinismo e nihilismo, os seus predicadores pretenden mesmo dar a impresión de que, defendendo o que nos leva ao desastre son a encarnación da rebeldía, do inconformismo, da transgresión e a esperanza do futuro.

Catro décadas de reacción conservadora, involución democrática e branquexo de forzas neofascistas, xunto co impune saqueo económico, o deterioramento do común e a desmobilización social prepararon o terreo para que a caverna se desenvolva con comodidade na súa pretensión de nos devolver ao pasado e frustrar as arelas nun futuro de xustiza e liberdade. E, semella moi inxenuo pensar que abonda con agardar a que esta reacción remate por si mesma, sen dispor de alternativas e estratexias serias e contundentes para a desafiar e a frear.

Comentarios