Opinión

O que si sabemos

Dende hai moitos anos o nacionalismo político vén afirmando que Galiza é un país rico, con xente traballadora e, xa que logo, con potencialidades suficientes como para procurar unha posibilidade de vida digna para as e os galegos. E, porén, a realidade é que o noso segue a ser un país empobrecido, no furgón de cola do tren do desenvolvemento económico, cada día máis envellecido, con amplas zonas despoboadas, obrigado a emigración xeración tras xeración. Un povo ao que se lle impón a perda do idioma e cultura propia para convertelo en caricatura de si mesmo, ao que se lle inxecta en vea a cultura da dependencia, o virus da resignación como mellor forma de dominación.

O que si sabemos é que este, e non outro, é o resultado para o noso país da política centralista dos sucesivos gobernos españois claramente agravada pola submisión entusiasta dos gobernos do PP na Galiza que na “era Feijoó” converteuse xa en tan esperpéntica como letal para os intereses das clases populares galegas. 

O que si sabemos é que, máis alá das declaracións de intencións, pasan os anos, pasan os gobernos españois e Galiza nunca é prioridade, os problemas de galegas e galegos poden esperar. Tamén co actual goberno PSOE-Podemos. Raquíticos orzamentos do Estado para este ano, que nin sequera se executarán na súa totalidade, incumprimento dos acordos de investidura co BNG, sen solución ningunha para unha industria electrointensiva ao borde da desaparición, con demoras eternas na construción de infraestruturas viarias ou sen máis política agraria e pesqueira que a ditada por Bruxelas, como exemplos. De prórrogas ilegais da concesión da AP-9 até o 2048 a negativa ao traspaso da titularidade, que si obtiveron outras CCAA, como última burla.

A submisión absoluta do goberno Feijoó contribúe decisivamente a facilitar o maltrato ao noso país das políticas centralistas

O que si sabemos é que, en contraste co que acontece onde, como en Euskadi ou Catalunya, goberna o nacionalismo, a submisión absoluta do goberno Feijoó contribúe decisivamente a facilitar o maltrato ao noso país das políticas centralistas. Sen acreditar na Galiza, entregado en corpo e alma ao poder central e aos intereses dos grandes empresarios, tendo como eixos de actuación o turismo xacobeo e as encomendas ao Apóstolo, a desfeita do país é un feito que nin todos os altofalantes ao seu servizo son quen de ocultar. Feijoó, que comezou a súa andaina presidencial abrazado aos patróns das eléctricas e ao españolismo “bilingüe”, ten no seu haber un ataque sen precedentes á lingua e á cultura propias e liquidar as medidas máis progresivas do goberno precedente. Contentada a caverna propia e allea, a nada, a defensa do indefendible.

Nada de demandar competencias que melloren a capacidade de actuar do goberno que preside en beneficio de galegos e galegas, nin un sistema de finanzamento alternativo baseado nos propios recursos, menos dependente do capricho do goberno central, nin contrapartidas para un país que sufre os custes da produción eléctrica. Sen plan ningún de recuperación e posta en valor do patrimonio, recortando a sanidade pública, pagándolle a Abanca por deixar xente sen servizos, apoiando a universidade privada fronte a pública, promovendo a invasión eólica, entregado ao consello de administración de Ence incluso fronte a unha decisión xudicial, sen máis plan forestal que a eucaliptización salvaxe. E así, máis ou menos, todo. 

E sabemos que, os menos porque lles vai moi ben así, e os máis porque a única realidade que poden percibir é a realidade deturpada polos altofalantes do poder, cren vivir no mellor dos mundos posibles. Non obstante, obxectivamente, é imprescindible un cambio radical de rumbo se aspiramos como povo ao elemental, poder vivir con dignidade na propia terra. Como obxectivo é que ese cambio ou vén da man do nacionalismo ou non virá. A chave está en conseguir que o que é obxectivo se transforme en subxectivo. E para tratar de impedilo os predicadores do poder non dubidarán en sementar xoio dende os seus privilexiados púlpitos. O seu fracaso será o éxito do povo galego. Que así sexa.

Comentarios