Opinión

Trabar a pandemia nas escolas ou impedir que entre nelas?

Ninguén nega que a educación se encontra nun momento de crise mundial, parella á sanitaria, que mantén fóra das aulas a preto de mil millóns de crianzas, moitas delas tamén a pasar fame por causa diso. Existe tamén grande consenso en que, sen poder ir á escola, moita xente moza fica atrás nos estudos e perde as rutinas da aprendizaxe. E se a escola é un elemento de socialización fundamental, tamén é un lugar onde recibir os necesarios apoios, non só educativos, que talvez a rapazada non teña nos seus fogares. O regreso ás aulas debe ser, pois, un obxectivo fundamental e irrenunciábel. Mais con todas as garantías.

As repetidas intervencións da ministra do ramo, no senso de que é nas institucións educativas onde existe unha contorna máis segura, parecen querer obviar a realidade. Cada día que pasa vaise confirmando que estamos preto dunha transmisión comunitaria xeneralizada e, diante de tal panorama, non parece sensato atribuírlle á escola competencias sanitarias, responsabilidades pola saúde da sociedade no seu conxunto. Dá a impresión de que o que non se está a facer fóra das aulas e debería ter sido feito, isto é, ir a polo virus e evitar a súa propagación, quérese facer desde o lugar inapropiado. Reabrir as escolas con seguranza require controlar a transmisión comunitaria do Covid-19, e non ao contrario. O obxectivo non pode ser pretender que a escola deteña a extensión dos contaxios, mais que aos centros educativos non chegue a infección. A parte máis difícil non consiste en abrir as escolas, mais en garantir que continúen abertas nun futuro próximo. E como está a ocorrer en moitos países, se os casos aumentan e a transmisión na comunidade é alta, tórnase moi difícil manter as escolas abertas. E se pais, nais e profesorado están xa moi preocupados e non confían en que as crianzas vaian estar seguras nos centros educativos, a confianza abalará aínda máis se se produciren surtos contínuos e casos de Covid-19 dentro das escolas.

Mais unha lección que a nosa clase gobernante debería aprender: o profesorado, cando está a advertir de que hai que garantir un regreso ás aulas verdadeiramente seguro, non está a facer politiqueo. Tentar culpalo ou reprendelo é inútil e inxusto. O profesorado está nas escolas por vocación, porque está comprometido co benestar integral, e por tanto coa seguranza, da xente nova. Ouvir o que está a dicir é vital, porque o profesorado é parte da solución.

Comentarios