Opinión

De nomes e miserias propias

Sendo conscientes delas resulta difícil non sentir dor e carraxe polas lacras, eivas e desnortes que, como pobo, amosamos. Ás veces expresadas con autosatisfacción ignorante; outras, con fachenda irresponsábel e perturbadora, como nun pinchacarneiro que converte as nosas indixencias e miserias en virtudes dignas de eloxio. Esta inversión da propia realidade anda moi en voga en determinados sectores intelectuais, como alimento que, debidamente mastigado, é logo consumido popularmente como droga que nos fai ver a renuncia a nós mesmos como algo redentor e salvador, pois líbranos das nosas marcas e pecados orixinais. Seguramente son moitas as virtudes que nos caracterizan aínda como pobo galego, malia as experiencias históricas que levamos pasado. Porén, non vou afirmar que, entre elas, estea un mínimo aprecio ou consideración por nós mesmos, como colectivo ou nación natural diferente. Neste aspecto domínanos a ignorancia imposta, inducida e autopromovida, a desmemoria e a confusión perturbadoras. A nosa conduta e ideoloxía en moitos ámbitos, lingüístico, cultural,  histórico, político e marcroeconómico está, con maior ou menor intensidade corrosiva, orientada nunha dirección que identificamos, moitas veces, como salvación e promoción, sendo suicidio e aniquilación.  

Leo unha información que subliña que, en contraste co que acontece en Catalunya, Euskadi e Nafarroa, na Galiza, ningún nome galego ou en galego ocupa un dos dez primeiros lugares, entre os rexistrados para as crianzas nadas en 2019. É obvio que, de non sermos racistas acreditando nalgún elemento biolóxico específico que nos condicione así, a única explicación para tan escasa ou nula preferencia polo propio neste terreo tan familiar e afectivo, porén tamén social, está relacionada coa fráxil consideración pola nosa propia condición nacional orixinaria, co descoñecemento e desvalorización da nosa tradición e historia, cando menos. A imitación de outros e a renuncia ao que nos lembre de onde vimos é profilaxe que consideramos salvadora. É posíbel que sexan paliativos consoladores para unha realidade que, de forma inconsciente, non gosta, sendo xustamente a labrada a base de tanta renuncia e fuxida de nós mesmos.

Na mesma información, unha filóloga, especialista en antroponimia, explica que a razón da elección dos nomes, no caso galego, ten a ver co noso espírito conservador e co seguimento da tradición familiar. Sen dúbida a especialista non ignora que a tradición familiar non segue, nin nos nomes (nin nos apelidos deformados), a orixinaria e galega, senón a foránea española, anglosaxona ou calquera outra, conforme ao criterio da imitación do alleo, bendicido pola vaga dominante. Resulta preocupante que se asuma como orixinario ou propio o que non o é, por máis que a dinámica que provoca este fenómeno teña varios séculos xa. É darlle carta de natureza a un proceso de aculturación e asimilación, de efectos moi perturbadores, botando terra sobre unha fonte de auga orixinaria, e nosa, na que se pode beber do que creamos colectivamente. 

Pola súa parte, un antropólogo, latriqueiro televisivo, sentenza, como explicación, con nesgo evidente que os galegos en contraste cos cataláns ou os vascos, somos abertos, universalistas, tolerantes, nada localistas, e menos preocupados de cuestións identitarias. Xa saben, os cataláns sectarios e moi seus; os vascos, primitivos e envisos. Madia leva! Que imaxe perfecta de galego ilustrado! Unha loa dos efectos da colonización, mudados con autosatisfacción fachendosa en virtudes! Pregúntome por que esa tolerancia e universalismo non comeza por aceitarnos a nós mesmos como pobo. E tanto intelectual predicando as bondades das miserias que vivimos, de sermos conscientes, con dor, ou que, séndoo ou non, nos deforman até a caricatura!

Comentarios