A irresponsabilidade das elites

A gravidade do que esta a suceder no mundo, e máis en concreto na Europa, non ten o debido impacto social nin provoca o revulsivo necesario nas clases populares. Domina o escenario a política de aparencias, a táctica da avestruz, deixarse levar, para non recoñecer as causas da grave crise de todo tipo en que o denominado Occidente está mergullado. Moito menos estase en disposición de analizar as que provocaron unha confrontación bélica no continente europeo, que é alimentada, de forma tan cínica como irresponsábel, pola maioría das elites políticas dos Estados da UE. Non cabe a menor dúbida de que non miran polos intereses das súas respectivas nacións e tampouco por unha Europa unida en paz e con iniciativa propia na escena internacional. Permanecen ancorados no peor dunha tradición histórica imperialista. Considéranse o centro dominante do mundo, aparentando seren posuidores de non se sabe que superioridade moral. A realidade é que agochan nesa fantasía ilusoria a súa subordinación ao amo americano, a quen, nada menos que a esta altura e visto o visto, consideran o seu fillo natural, espello das mellores virtudes familiares. Un día si e outro tamén, algúns expresan, velis nolis, o seu desacougo, as súas desavinzas, produto das evidentes contradicións e da conciencia de estaren xogando con lume. Morren como o peixe pola boca cando pretenden xustificar as súas condutas. Macron xoga ao malabarismo de aparentar ser gran potencia. Non se desmarca, porén pretende demostrar que o seu atlantismo non é servil. Só entregará tanques franceses se non significa escalada bélica, se os seus usuarios teñen a preparación técnica adecuada e se a capacidade defensiva de Francia non padece. Scholz, acosado pola chulería do sicario polaco, accede a enviar Leopard, pretendendo que non significa que haxa confrontación da OTAN e da Alemaña con Rusia, e ao tempo de os USA dispórense a enviar Abrams coa mesma retórica. É cinismo conxénito ou tomar a xente por imbécil, de tanto atordala? O silencio de Italia é revelador. E España?  Ao que manden, desde USA e a OTAN, sempre sen chistar.

Esta forma de conducirse revela até que extremo estamos nunha época en que, de tanta falsificación e impostura en que se vive, o discurso público asúmeas con naturalidade. A propaganda é masiva e a censura radical; o cinismo, ilimitado. Están a defender o pobo ucraíno ou a usalo como unha peza instrumental para desenvolver unha estratexia de fondo ao servizo de intereses que non son os das nacións que forman a UE? O ministro de Asuntos Exteriores de Polonia, Mularczyk, nun arroubo de xenuína sinceridade, vén de aclaralo sen requilorios: a UE está xogando un gran papel na vitoria ucraína (que imaxinación!), que representa combater "a favor da influencia dos USA" na Europa. O paso do tempo non fai máis que evidenciar quen está detrás do conflito ruso-ucraíno, desde 2008 até hoxe, e como, en efecto, se trata do intento de desgastar e/ou destruír Rusia. Faise sen escrúpulos, incluído o martirio do pobo ucraíno, vítima, en grao superlativo, dunhas elites mafiosas e corruptas, e sobre todo da excitación e incitación irresponsábel e cínica dos seus amigos occidentais, cos USA ao mando.