Opinión

Esplendor e ignorancia indigna

Sendo conscientes, é difícil resignarse perante o grao de ignorancia sobre o noso pasado e a apropiación que se fai habitualmente del, transferíndoo case sempre a outros, para maior gloria deles e indignidade nosa. Causa indignación observar con que mansedume, acomodación ou colaboracionismo as institucións académicas galegas, pagadas con fundos públicos, se adaptan a esta forma de proceder. Naturalmente teñen a cobertura dun Goberno autonómico que presume xustamente de manter Galiza nunha españolidade exemplar, xustamente a que afonda, todo o que pode, a nosa desmemoria histórica, para crermos que nunca fomos máis que un apéndice irrelevante e marxinal de España. Resulta paradoxal comprobar como a investigación histórica avanza no coñecemento do noso pasado medieval nalgunhas universidades españolas, apropiándose del con natural descaro: convérteno en leonés ou castelán. Provoca tristura que, desde aquí, se aceite con anuencia servil, no mundo universitario, unha proceder académico que desvirtúa de forma tan groseira a realidade obxecto de estudo.

A cada paso está máis claro, por exemplo, que a realidade esplendorosa da catedral románica de Compostela e o seu pórtico da Gloria é o símbolo dun poder político, con epicentro no reino de Galiza. Témola á vista, malia a ornamentación barroca e a destrución con que intentaron deformala poderes eclesiásticos xa alleos ao país séculos máis tarde. No seu panteón real están as tumbas dos dous reis galegos de nación, por lingua e por identificación, Fernando II e Afonso VIII (IX para a historia española). Eles esforzáronse por levar adiante unha estratexia política na península, independente dos ditados do Papa. Tiñan conciencia de cales eran os problemas e os retos para manter a independencia. Entre ambos gobernaron 73 anos (1157-1230). Un, Fernando II, inaugurou o pórtico da Gloria, cuxa construción patrocinou; o outro, Afonso VIII, fixo a consagración do templo, unha vez rematado, armándose nel cabaleiro en 1197 baixo a protección do apóstolo. Roma considerou o acto un desafío pois pesaba a excomuñón sobre el, como xa pesara contra o seu pai Fernando II, e o interdito sobre o reino. Por que? Un e outro foron proclives a manter relacións e pactos cos reinos musulmáns, sen se deixaren arrastrar pola política de Cruzada papista. Ambos casaron con princesas portuguesas, Fernando con Urraca e Afonso con Tareixa, fillas de Afonso Henríques e Sancho I de Portugal, respectivamente, intentando abrir o camiño para unha posíbel reunificación. Esta estratexia chocaba tamén cos intereses do Papa e o seu reino de referencia a promover, Castela. A proximidade de parentesco foi o pretexto para forzar a disolución deses matrimonios. 

Afonso VIII fixo todo o posíbel, antes de morrer, para que ficase cega a vía da unidade con Castela. Puido máis, unha vez morto, a presión de Roma, as ameazas de Fernando III, o seu fillo con Berenguela de Castela, a intimidación contra Portugal, para as súas herdeiras, Sancha e Dulce, con parte da clase dirixente galega detrás, renunciaren ao trono. Os reinos de Galiza e León con estes monarcas privativos tiñan o maior poder real e simbólico na Península. Santiago, como un centro apostólico co seu esplendor e magnificencia, representaba a protección que lexitimaba a súa política, sen subordinárense servilmente a Roma. Non era aínda un Santiago Matamouros nin de Cruzada. Agora recoñécese todo o anterior e máis, pero son reis leoneses e privativos de León. O poder económico, e político, a clase dirixente, o centro lexitimador, a educación e a identificación eran galegas. Por que se obvia ou exclúe este xentilicio?

Comentarios