Opinión

Apartheid lingüístico

Todos os pobos teñen as súas virtudes e tamén as súas lacras. Todos somos resultado de procesos históricos que levaron a cada un a situacións distintas, específicas, en moitos aspectos, desde o económico, social e político, até o cultural e lingüístico. Tratándose de pobos que non teñen Estado propio, a diversidade tamén caracteriza as formas de comportamento, a actitude, en cada caso, que manteñen verbo da propia realidade nacional e a integración no Estado que non as recoñece, os distintos sectores sociais, e moi en concreto as elites. Ten causa esta diferenza. Poderíamos comezar por termos presente o momento histórico en que se iniciou o proceso de dependencia ou subordinación da nación. Neste sentido, lembraba Castelao, con acerto, que, en contraste con Cataluña e Euskadi, Galiza "foi asoballada antes –con séculos de diferencia–e despois porque lle faltaron os órgaos vivificadores da conciencia nacional" (Sempre en Galiza, Libro II, 1940). Estes órganos vivificadores teñen moito a ver, sen dúbida, coa articulación social e institucional e a forma de funcionar, ao servizo de que e de quen. Por tanto, podemos dicir tamén que coa forma de funcionar a economía do país, isto é, quen se aproveita del.

O devandito introdúcenos no papel que moitos políticos galegos á española cumpren con tanto servilismo como indignidade. Primeiro, na propia casa. Logo, gañados os méritos, como aspirantes a gobernar España. Estes días anda Feixoo no seu percorrido andaluz, como telonero de Juanma, co seu perfil de cariátide, bramando contra, nada menos!, o apartheid lingüístico nas escolas catalás. Tal insidiosa e cínica acusación fundaméntaa en o Govern elaborar unha nova lei para o ensino non universitario que mantén o criterio estatutario (artigo 6 do Estatut) de o catalán ser a lingua normalmente utilizada como vehicular e de aprendizaxe, sen aceitar unha porcentaxe xeral do 25% en español, como algunha sentenza xudicial estabeleceu. Para o Goberno catalán, nos casos excepcionais en que se empregue, na porcentaxe que se considere, o castelán como vehicular, esta decisión debe quedar en mans de quen elabora o plan educativo do centro, non dos xuíces. Feixoo subliña, como mestre en imposturas, que non se pode violar a lei. Anuncia o consabido recurso para liberar, segundo el, da discriminación unha parte dos cataláns. Resulta que a lei é unha sentenza xudicial, porén, non o é un Estatuto, aprobado polo Parlamento catalán, polo Congreso dos Deputados, polo Senado, e referendado polo pobo catalán, que di o que di, embora a súa interpretación retorta e capciosa poda conducir á súa antítese. Dá grima e causa irritación escoitar a palabra apartheid en boca de quen, como presidente da Xunta de Galicia, dedicou o seu mandato a aguzar a secular discriminación contra a lingua galega e os galegofalantes, para alén de afondar no resto a ignorancia dela, contando para iso tamén con toda a colaboración da maquinaria estatal. Hai dous artigos (o emprego da lingua materna como vehicular na primeira ensinanza/ o uso progresivo do galego no ensino non universitario) da cativa Lei de Normalización Lingüística de 1983 que nunca se cumpriron. Perante o amago de se iniciar o seu tímido cumprimento a partir de 2005, vosté, sr. Feixoo, encargouse de convertelo, xa desde a oposición coa axuda da españolidade imperial, na intolerábel imposición do galego. Non hai que cumprir a lei, sr. Feixoo? Aquí si que vivimos nun auténtico apartheid lingüístico. A vostede valeulle de mérito.

comentarios