O que una un supermercado, que non o separe nin Deus

Papi: viches o novo anuncio de Gadis?-
-Pois non, está ben?-
-Moito, tes que velo-
A ver, google: “novo anuncio do Gadis”, aha aquí está. “Soñemos como galegos”, vexamos logo...

-Papi: viches o novo anuncio de Gadis?-
-Pois non, está ben?-
-Moito, tes que velo-
A ver, google: “novo anuncio do Gadis”, aha aquí está. “Soñemos como galegos”, vexamos logo...

Que Galiza é un país de contradicións non é unha novidade, que andamos escasos de autoestima, tampouco. Agás en gastronomía, os galegos somos dados a crer que este país non é nada senón é pola súa pertenza a España/Europa. Onde imos nós pola nosa conta?: A ningures, segundo a maioría dos fillos de Breogán. É por tanto Galiza un país que na súa maioría non acredita nas múltiples oportunidades de riqueza que xera por si mesma.

"Para comer a nosa casiña, paisaxe non hai coma a nosa, mais á hora de acadar valor deixamos que mans alleas saquen o froito da nosa terra"

Para comer a nosa casiña, paisaxe non hai coma a nosa, mais á hora de acadar valor deixamos que mans alleas saquen o froito da nosa terra, e o peor do caso, “facéndonos un favor”.

Todos estes síntomas son propios dun país colonizado, dun país masacrado culturalmente onde o moderno é o de fóra.

Mais dentro deste panorama de desarraigo xorde un illote de estima e orgullo de tintes nacionalistas: os anuncios do Gadis. E digo nacionalista aínda que a maioría dos receptores dos spots, e seguramente os creadores, fuxan deste termo. 

William Wallace  (Braveheart) foi nacionalista (patriota) escocés, a súa simulación adaptada á galega serviu de partida para unha serie de mensaxes que inciden nas características diferenciais do noso país.

O noso carácter (distinto), o noso clima (distinto), a nosa comida (distinta), as nosas festas (distintas), todos os elementos diferenciais da nosa Galiza que nos fan únicos no mundo. 

Dito isto por unha cadea de supermercados é ben aceptado: somos galegos, vivamos como galegos, soñemos como galegos...

"Pensemos por un intre que esas ideas lanzadas dende a empresa con sede en Betanzos promúlganse dende a Xunta. Un goberno galego facendo algo tan sinxelo como abandeirar un modelo de país sen dependencias"

Que pasa logo para non aplicar noutras esferas algo tan lóxico e certeiro?.

Que lles pasa a eses galegos teoricamente orgullosos dos seus sinais de identidade para comprobar de brazos caidos como o goberno lexisla en contra do idioma?

Que lles pasa a eses galegos teoricamente orgullosos do seu xeito de vida para aceitar de xeito impasible que ano a ano este país perde milleiros de habitantes?

Que lles pasa a eses galegos teoricamente orgullosos, para erguerse ante a inacción dos gobernos a prol da nosa pesca, do noso agro ou da nosa industria naval?

Pensemos por un intre que esas ideas lanzadas dende a empresa con sede en Betanzos promúlganse dende a Xunta. Un goberno galego facendo algo tan sinxelo como abandeirar un modelo de país sen dependencias, acreditando en todo o seu potencial, loitando polo noso medio de vida (vivamos como galegos!), amando e traballando por mil primaveras máis para o noso idioma (soñemos como galegos e en galego!). 

Soa a utopía, é verdade. Se acaso teriamos que abrir a porta de Monte Pío á familia Tojeiro ou mellor aínda ao William Wallace galego, coa cara pintada de celeste.

Parabéns ós creadores da campaña por facernos lembrar que temos un país marabilloso e rico, parabéns por, polo menos por minutos, recordarnos todo o que podemos ser capaces de crear.

-Xa viches o novo anuncio de Gadis, papá?-
-Pois si-
-E que che pareceu?-
-Que o que una un supermercado non o separe nin Deus-