Opinión

Alzheimer

O alzheimer é unha enfermidade terríbel. Só quen temos preto a un ser querido con el, comprendemos o impacto progresivo e paulatino co que esta doenza azouta ás persoas que o padecen.

Miña nai era unha muller moi guapa, todo o guapa que son sempre as nais e un pouco máis.

Como tantas outras, sacou con esforzo os fillos con moito traballo e poucas recompensas.

Foi precisamente liberada das cargas familiares, e podendo ter uns anos de tranquilidade mercede a súa idade e aparente boa saúde, cando principiaron a aparecer os primeiros síntomas. citas que non lembraba, desorden na casa e nas comidas ou repetir varias veces a mesma cousa, acenderon a luz de alarma de que algo non ía ben na súa cabeciña.

Miña nai, loitaba contra a súa propia degradación amosándose orgullosa e independente para non recoñecer o inevitable.

As primeiras probas foron concluíntes e o nome do neurólogo alemán saíu a relucir confirmando o sospeitado.

"Leo recentemente na prensa esta nova: Un dirigente del PP de Lugo, imputado por llevar a votar a ancianos con demencia en las autonómicas de 2012"

Dende entón, miña nai pasou de esquecer cousas ou repetilas en pouco tempo a xa case non saber expresarse, nin tan sequera para dicir o meu nome.

Miña nai está agora suxeita a unha cadeira de rodas nunha residencia asistida, cando a vexo non sei que pensa, só sei que se alegra de verme e que sorrí se lle canto unha canción de Andrés Do Barro, ou vendo o grandes que son agora os seus netos.

Unhas horas á semana ó seu carón, unhas horas á semana nas que inevitablemente o recordo dunha muller fermosa e valerosa chocan cunha imaxe de apagón mental desolador. Ela non me ve triste nunca ao seu carón porque eu non sei o que entende e o que non, o baixón queda para a viaxe de volta e no meu interior.

Se vostede ten un ser querido nesta situación comprenderá perfectamente do que falo.

Leo recentemente na prensa esta nova:

Un dirigente del PP de Lugo, imputado por llevar a votar a ancianos con demencia en las autonómicas de 2012

José Luis Iravedra, directivo del PP lucense y miembro del consejo de administración de la CRTVG, trasladó junto a tres militantes del PP a varios residentes de un asilo lucense hasta un colegio electoral pese a que, según informes forenses, "carecían de capacidad para decidir el sentido de su voto".

Fai falta que lle explique o que sentín cando a lin? Pois iso

Comentarios