Nomes que non se foron
Este río da vida vai fluíndo cara á mar que é o morrer. Os sucesos, as cousas, case todos, vanse coa corrente. Menos algunhas miudezas insomnes da memoria que non queren ceder. Por exemplo, aqueles nomes de persoas que ilustraron a miña vida cotiá e que non aceptaron ir disolvéndose no tempo.Entre eses nomes do meu espazo persoal, hai algúns máis públicos, por expresalo así, que son os que a través da cultura mantiveron a miña conexión con esta terra. Tal pasou con Castelao e Bóveda, cuxas historias, hoxe máis próximas do que se pensa, oínas cedo na miña casa.
Nesa mesma casa da nenez en cuxas paredes aprendín quen era Colmeiro, Torres ou Maside e, desde logo, Laxeiro. Recordo nitidamente o pintor de Lalín desenvolvendo uns lenzos de Mercedes Ruibal para ensinarllos con moito entusiasmo ao meu pai.
E reteño tamén os inesquecíbeis nomes daquel grupo de estraños seres que, coas súas familias, coincidían coa miña, todos os anos en Coruxo. Falo de Celso Emilio Ferreiro, Darío Álvarez Blázquez e os seus irmáns, Xosé María, Emilio, Álvaro e Alfonso. E tamén de Paco del Riego. E ata recordo a un Álvaro Cunqueiro que foi convocado como xurado dun concurso de pintura infantil cuxo escenario foi a praia da Fontaíña.
Souben de Xosé Manuel Beiras polo meu pai, que lle deu clases, creo que de debuxo. E pola miña nai coñecín o poeta Manuel Cuña Novás, que era o seu primo.
Foi, xa en Venezuela, con dezaoito anos, que fixen amizade co Comandante Sotomaior, Xosé Fernández Vázquez, con Mario Granell, tan enxeñoso, e co xornalista Julio Formoso, pai de Xulio, compañeiro entrañábel de recitais a dúas voces. E alí en Caracas foi onde me reencontrei con Celso Emilio, a quen tanto lle debo. Entre outras cousas, a miña relación epistolar con escritores como Carvalho Calero, Ramón Chao, Xesús Alonso Montero, Manuel María, Neira Vilas, e desde logo, co meu admirado camarada Xosé Luís Méndez Ferrín, a todos os cales, menos ao primeiro da lista, habería de coñecer en persoa máis adiante. Foi con Méndez Ferrín, precisamente, que nos setenta me reunín un par de veces con Darío Xohan Cabana. Así como con María Xosé Queizán.
Outros a quen coñecín, no seu paso por Caracas ao longo dos anos, foron Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde, Felipe Senén e Pedro del Llano. E xa uns anos máis tarde, a miña querida Ana Miranda, Antón Reixa, os compañeiros de Luar na Lubre, Yolanda Castaño e Miguel Anxo Fernán-Vello. E entre os galegos venezolanos de alá, máis novos ca min, Xurxo Martínez e Xosé Manuel López Trelles.
Gocei de conversar en Medellín con Amancio Prada. Así como tamén, en sucesivas viaxes á Galiza, de compartir con María Victoria Moreno Márquez, Henrique Monteagudo, e o equipo d'A Nosa Terra, recuperando a antiga amizade con Gustavo Luca. E en tempos máis recentes coa boa xente da Aula Castelao, particularmente con Montserrat Fernandez Arén, que me atendeu con moito cariño. A través do meu compañeiro e mestre César Portela, coñecín os arquitectos Carlos Meijide e Teresa Táboas, a Pepe Fortes, a Bernardino Graña, a Isaac Díaz Pardo e por suposto a Sergio Portela. Tamén a Anxo Quintana, naquel momento alcalde de Allariz e con quen estiven logo reunido no Palacio de Miraflores co presidente Chávez.
Actualmente e a partir de 2018, en que paso a residir circunstancialmente en Vigo, forman xa unha avalancha os nomes que se incorporan ás miñas vivencias. Non os podo citar por razóns de espazo e proximidade. Pero o que quero destacar en todo isto é a perspectiva que, ao longo da vida, todas e todos me ofreceron sobre a terra dos meus pais. Creo que enriqueceron e enriquecen a miña mirada sobre a Galiza.