Opinión

Nomes que non se foron

Este río da vida vai fluíndo cara á mar que é o morrer. Os sucesos, as cousas, case todos, vanse coa corrente. Menos algunhas miudezas insomnes  da  memoria  que  non  queren  ceder.  Por  exemplo,  aqueles  nomes  de  persoas  que  ilustraron  a  miña  vida  cotiá e que non aceptaron ir disolvéndose no tempo.Entre eses nomes do meu espazo persoal, hai algúns  máis  públicos,  por  expresalo  así,  que  son  os  que a través da cultura mantiveron a miña conexión con esta terra. Tal pasou con Castelao e Bóveda, cuxas historias, hoxe máis próximas do que se pensa, oínas cedo na miña casa.

Nesa  mesma  casa  da  nenez  en  cuxas  paredes  aprendín  quen  era  Colmeiro,  Torres  ou  Maside  e,  desde logo, Laxeiro. Recordo nitidamente o pintor de Lalín  desenvolvendo  uns  lenzos  de  Mercedes  Ruibal  para ensinarllos con moito entusiasmo ao meu pai.

E reteño tamén os inesquecíbeis nomes daquel grupo  de  estraños  seres  que,  coas  súas  familias,  coincidían coa miña, todos os anos en Coruxo. Falo de Celso Emilio  Ferreiro,  Darío  Álvarez  Blázquez  e  os  seus  irmáns, Xosé María, Emilio, Álvaro e Alfonso. E tamén de Paco del Riego. E ata recordo a un Álvaro Cunqueiro  que  foi  convocado  como  xurado  dun  concurso  de  pintura infantil cuxo escenario foi a praia da Fontaíña.

Souben de Xosé Manuel Beiras polo meu pai, que lle deu clases, creo que de debuxo. E pola miña nai coñecín o poeta Manuel Cuña Novás, que era o seu primo.

Foi, xa en Venezuela, con dezaoito anos, que fixen amizade co Comandante Sotomaior, Xosé Fernández Vázquez, con Mario Granell, tan enxeñoso, e co xornalista Julio Formoso, pai de Xulio, compañeiro entrañábel de recitais a dúas voces. E alí en Caracas foi onde me reencontrei con Celso Emilio, a quen tanto lle debo. Entre outras cousas, a miña relación epistolar con escritores  como  Carvalho  Calero,  Ramón  Chao,  Xesús  Alonso  Montero,  Manuel  María,  Neira  Vilas,  e  desde  logo,  co  meu  admirado camarada Xosé Luís Méndez Ferrín, a todos os cales, menos ao primeiro da lista, habería de coñecer en persoa máis adiante. Foi con Méndez Ferrín, precisamente, que nos setenta me reunín un par de veces con Darío Xohan Cabana. Así como con María Xosé Queizán.

Outros a quen coñecín, no seu paso por  Caracas  ao  longo  dos  anos,  foron  Valentín  Paz  Andrade,  Filgueira  Valverde,  Felipe  Senén  e  Pedro  del  Llano.  E  xa  uns  anos  máis  tarde,  a  miña  querida  Ana  Miranda,  Antón  Reixa,  os  compañeiros  de  Luar  na  Lubre,  Yolanda  Castaño  e  Miguel  Anxo Fernán-Vello. E entre os galegos venezolanos de alá, máis novos ca min, Xurxo Martínez e Xosé Manuel López Trelles.

Gocei  de  conversar  en  Medellín  con  Amancio  Prada.  Así  como  tamén,  en  sucesivas  viaxes  á  Galiza,  de  compartir  con  María  Victoria  Moreno  Márquez,  Henrique  Monteagudo,  e  o  equipo  d'A  Nosa  Terra,  recuperando  a  antiga  amizade  con  Gustavo Luca. E en tempos máis recentes coa boa xente da Aula Castelao,  particularmente  con  Montserrat  Fernandez  Arén,  que me atendeu con moito cariño. A través do meu compañeiro e mestre César Portela, coñecín os arquitectos Carlos Meijide e Teresa Táboas, a Pepe Fortes, a Bernardino Graña, a Isaac Díaz Pardo e por suposto a Sergio Portela. Tamén a Anxo Quintana, naquel momento alcalde de Allariz e con quen estiven logo reunido no Palacio de Miraflores co presidente Chávez.

Actualmente  e  a  partir  de  2018,  en  que  paso  a  residir  circunstancialmente  en  Vigo,  forman  xa  unha  avalancha  os  nomes  que  se  incorporan  ás  miñas  vivencias.  Non  os  podo  citar  por razóns de espazo e proximidade. Pero o que quero destacar en todo isto é a perspectiva que, ao longo da vida, todas e todos me ofreceron sobre a terra dos meus pais. Creo que enriqueceron e enriquecen a miña mirada sobre a Galiza.

Comentarios