Opinión

Florencio Delgado Gurriarán, poeta e nacionalista

Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras), a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2022, é un poeta dunha non moi extensa obra literaria. Componse de dous libros, Bebedeira (Editorial Nós,1934) e Galicia infinda (Editorial Galaxia, 1963); así como de diversos poemas soltos recollidos en Cancioneiro da loita galega (Edicións do Castro, 1996). Tamén de dúas recompilacións ampliadas: Cantarenas (Edicións do Castro, 1981, edición ao cargo do Instituto de Estudios Valdeorreses) e O Soño do guieiro (Editorial do Castro, 1986). Tamén participa en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Editorial Galaxia, 2005).

A poesía de Florencio Delgado Gurriarán ten unha depurada expresión lingüística, sometida a continua revisión dun galego máis fiel e depurado. Consideraba o idioma galego parte fundamental da identidade galega como pobo e polo tanto como un instrumento de loita política para a súa constitución como Nación. O idioma "lo conservaremos…y lo recuperaremos en lo poco que se haya perdido", dixo nunha entrevista en México, o 25 de agosto de 1979.

Florencio Delgado parte da militancia activa como nacionalista para elaborar a poesía como expresión da Patria Galega. Florencio ve Galiza, vaina enchendo de cores, definindo a paisaxe, os paisanos e os seus traballos, música, cultura. Mestura as cores como un pintor diante dun lenzo: a natureza fundida cos homes como expresión diferencial da Patria. Esta visión poética de Florencio Delgado non é a Galiza realmente existente, senón a idealización dos elementos  que ao seu entender a constitúen . A "humanización", o hilozoísmo, o "bucolismo" son só instrumentos plásticos, como parte das cores do cadro para mostrar o obxecto. Mais esta visión da Galiza non é estática, vai cunha evolución parella á súa militancia no Partido Galeguista e aos cambios políticos do mesmo, dende o culturalismo de Bebedeira até a poesía política de guerra e combate do Cancioneiro da loita galega. Católico, liberal demócrata e republicano ─"liberal de libertad y de derecho a elegir… siempre fui un hombre republicano… galleguista ante todo"─ manifestarase a través da súa obra como un "intelectual orgánico" do Partido Galeguista no sentido gramsciano do termo. Elabora unha totalidade poética impresionista como instrumento de defensa da lingua, da cultura, de Galiza como nación autodeterminada: a súa poesía tenta a transformación cultural e política da sociedade civil galega cara a unha nova hexemonía nacionalista. Interpretando a idea de A. Bóveda: "O galleguismo é a plasmación d´un ideal Patrio".

No seu primeiro libro, Bebedeira, ─fundamentalmente poemas editados en A Nosa Terra e o Heraldo de Galicia, de Otero Pedrayo─ a influencia culturalista tan querida do nacionalismo da época e das Irmandades da Fala nótase grandemente. A paisaxe, os homes, a terra son manifestación da Patria ideal, bucólica e dionisíaca mostrada con brillantes e claras cores nun impresionismo poético. Ve o poeta a Galiza ideal, nun marcado idealismo patriótico, unha combinación dun formalismo ─neotrabadororismo na liña de Bouza Brey, romances, cantos populares, etc. ─ e dun simbolismo patriótico ─lingua, castiñeiros, música, toponimia, etc.─.

A II República e a Fronte Popular significou un cambio no PG e na vida e obra de Florencio Delgado. Os seus poemas convértense nunha poesía de guerra, democrática e nacionalista. Florencio abandona o seu simbolismo poético e formalismo culturalista para adoptar un ton aberto, directo: "poesía de loita galleguista".  A poesía debe representar "a emoción e o pensamento e idea do poeta".  A súa obra deste período está recollida en Cancioneiro da loita galega, editado en 1943 baixo o patrocinio do PG en México. Baixo a Declaración de Principios de "Galiza unidade cultural" ─lingua, arte─, "Galiza Pobo Autónomo" ─autodeterminación e goberno republicano─, Galiza comunidade cooperativa e Galiza célula de universalidade ─antiimperialismo, federalismo internacional e pacifismo─.

Galicia infinda, escrita no exilio mexicano, contén poemas escritos entre os anos 1942 e 1958. Significa un retorno á poesía iniciática de Florencio Delgado, acentuando o carácter rítmico e musical. Libro máis maduro que Bebedeira cun perfeccionamento na lingua e na construción dos poemas, máis elaborados. A poesía perde parte do seu carácter idealista e alegórico, a distancia márcalle un aire melancólico, de lembranzas, de intensidade máis telúrica. As cores e trazos son máis intensas, as pinceladas máis nítidas, menos alegres e festivas, signo dunha madurez poética.

A segunda parte do libro Poemas mexicanos ten o seu inicio co poema 'Nomes' unha mestura tipóloxica de Galiza e México. "Nomes da tarasca terra… nomes, nomes de Valdeorras", que anuncia a nova temática. Acentúase o ritmo e unha musicalidade distendida, cores claras, elementais, nítidas, con pinceladas rápidas dunha cultura que forma parte da nova realidade, nun experimentalismo musical e pictórico. Mais non é unha cultura exótica, allea ─"Galicia é mais que toda a terra"─. Non cabe asimilala, cómpre fundila. Conto sinxelo, "…da antiga verde terra/ á nova terra irmá". En certa medida, nos Poemas mexicanos supera a contradición entre cultura occidental e cultura nativa mexicana, sinalada por O. Paz.

O último libro, Soño do guiero, preséntase como unha "recopiliación de toda mi poesía de lucha de combate desde la guerra civil hasta ahora, en la postguerra y el exilio", afirmou naquela mesma entrevista de agosto de 1979. Mais ao abarcar un amplo período, de 1943 a 1982, delinea a evolución do pensamento nacionalista de Florencio Delgado, cun corte moi significativo a partir de 1968.

O poema pórtico (1975) é unha declaración de principios e arelas "guieiro noso (Castelao) e ha de ser, o teu soño, realidade". Mantén a pulsión nacionalista e republicana en 'Dou ao demo o millor' ( 1948) e máis manifestamente en 'Ranae ad solem' (1948) auténtica poesía de escarnio e maldizer.

As corrección en poemas editados en Nueva Galicia, revista oficiosa do PCE, é moi significativa. En 'Fora Popes' (1938) unha louvanza á URSS e aos símbolos comunistas desaparece unha loa os soviets;  'Amencer' ( 1938) non reproducido posteriormente dedicado "á nazón amiga"  é un auténtico canto ao comunismo soviético. Tamén no poema 'Home pequeno' (1938), Franco desaparece por Fuco, suavizando o significado do mesmo.

Unha introdución de circunstancias ─datada en 1983─ marca o pensamento do autor a partir de finais dos anos 70, nunha poesía de ton gris, perda de musicalidade e carácter poético. Galeguismo democraticista e liberal, 'Ditos do pobo' (1978) ou 'De camisas monocromas' ─ver as modificacións na canónica obra de Ricardo Gurriarán, Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, Editorial do Castro, 1999, páx. 303─; humanismo  cristián, 'Eu son ineficiente'  (1976); crítica social abstracta, 'Pregos a Santa Lilaina' (1979); mantemento das ideas republicanas, mais recoñecemento da monarquía como saída do franquismo  ─"Don Juan Carlos é Paladín da Democracia e merece a gratitude dos españois"─. No ano 1981 prodúcese o intento de golpe de estado militar; desesperanza ante a crise do PG na Galiza, abandonado definitivamente polo grupo Galaxia ─xa en Grial nº 111─, coa súa aposta por Realidade Galega.

A incomprensión da nova realidade da Galiza e os cambios sociais, económicos e políticos significa unha desancoraxe de Florencio Delgado co novo nacionalismo popular (UPG, PSG). A  idealización patriótica dos restos do PG e as súas posibilidades, máis que morto a esas alturas, marca o carácter da súa obra final, que perde o ton claro, a musicalidade, facéndose máis previsíbel e idealista. Idealismo co conxunto dos militantes en México. Así, pode dicir: "En México seremos PG. En México nunca nos disolvimos". (Ricardo Gurriarán, páx. 326).

Comentarios