Non esquecer a historia. Sergio Peñamaria de Llano (I)

O recente artigo de Begoña Peñamaría en varios periódicos de Galiza non deixa de estar cheo dun comprendido sentimentalismo familiar, descoñecemento e medias tintas. Só como notas, o seu avó non foi “obligado a vivir la guerra de forma activa”, senón que como falanxista de primeira hora incorporouse activamente como alférez provisional actuando criminalmente en Valdeorras máis aló do deber como militar e da ética como avogado; como fiscal xurídico militar participou activamente na farsa dos Consellos de Guerra franquistas pedindo normalmente penas de morte; como alcalde nomeado por Franco facía o paripé da época. O forzado agradecemento que se estilaba no momento nas autoridades fascistas de calquera tipo, ás veces enchían as súas neveiras. O seu consciente esquecer o pasado, o seu negacionismo psicolóxico, dá pé a pensar que “o pasado” de Sergio Peñamaría de Llano é moi escuro, que ela o coñece e que pretende que o esquezamos sen afrontar ese pasado, e pasemos páxina sen máis.

Cando nos xuízos de Nuremberg as democracias occidentais sentaron no banco os xerarcas criminais do nazismo non o fixeron como un “axuste de contas” nin aires de vinganza polo horrendos crimes cometidos. O sentido do xuízo foi pechar unha denigrante etapa histórica da humanidade, recordar os culpábeis dos crimes e resarcir a memoria dos asasinados. Sabíase quen eran os culpábeis, intelectuais, científicos e avogados coñecedores conscientes dos crimes que cometían. Por se quedaba algunha dúbida, despois do libro de Hanna Arent, Eichman en Jerusalen, a pensadora alemá Bettina Stangneth no seu libro La Verdad del mal. Eichman ante Jerusalen deixou moi claro que os xerarcas nazis e os seus colaborador eran moi conscientes do seu “traballo” como criminais. Non só eran colaboradores necesarios senón partícipes directos e coñecedores do carácter criminal dos seus actos, máximo no caso de avogados que coñecían as lexislacións democráticas e humanas do momento.

Recén no ano 2019 a Canciller alemá Angela Merkel rendeu tributo aos asasinados polo réxime nazi. A Canciller mostrou a “profunda vergoña” polos crimes do nazismo e sinalou a obrigación eterna de recordalos de asumir a a responsabilidade, afirmou que Alemaña baixo a bota de Hitler formaba parte da identidade nacional do Estado alemán. Así mesmo, o presidente francés Enmanuel Macron fala de “crimes inescusábeis” na represión das protesta de alxerino de París no ano 1961, acontecemento xenófobo con decenas do mortos e miles de detidos. Dous gobernos de dereitas europeos teñen a dignidade moral e política de recoñecer os seus erros históricos, os horrendos crimes cometidos e reparar a dignidade das vítimas. 

Pois ben, a actuación de Sergio Peñamaría de Llano, na comarca de Valdeorras como tenente o mando do I Terzo da III Brigada da Lexión, está perfectamente documentada por fontes orais e veciños da comarca, por historiadores como Aurora Marco, Félix Yáñez, J. A. Gurriarán, Luis Lamela e un longo etc. Coñecemos o brillante avogado e falanxista de primeira hora; voluntario contra a legalidade republicana; combatente ao mando do Xeneral Yague o ‘Carniceiro de Badajoz’; capitán xurídico militar na farsa de concellos de guerra pedindo penas de morte sen causas motivadas; activo militante da caterva de asociacións para-fascistas da posguerra (o 1 de abril de 1975 participa nun acto de vellos falanxistas coa Hermandad Alférez Provisionales, Antiguos Combatientes de la División Azul, Asociación Excombatientes, e a Hermandad de Legionarios, da cal, outro cargo máis, Peñamaría de Llano era vicepresidente); Alcalde e Procurador nas Cortes da Ditadura nomeado polos servizos prestados ao réxime; e un longo etc. No medio podemos velo outorgando a “Medalla de Oro de la Ciudad” a un xeneral golpista como Fermín Gutiérrez Cobo, “Mi general” dirá Peñamaría ante o coordinador e máis activo golpista e represor militar na Coruña de 1936. Aquí non cabe discusión, todo documentado, fácil de coñecer recorrendo aos libros de historia e hemerotecas. Só recorrer aos artigos publicados no Sermos Galiza do 19 de outubro 2019 e no Nós Diario do 6 de abril de 2020, onde se detalla a carreira militar e política de Sergio Peñamaría.