Opinión

Venres Negros

[María Obelleiro]

Traballadoras e traballadores da CRTVG suman hoxe 300 Venres Negros de protestas contra a manipulación, as mentiras e as represalias nun ente público cuxa dirección semella actuar ao ditado do Gabinete de Comunicación da CRTVG: todo vale para enxalzar o papel do presidente da Xunta da Galiza e para difamar e atacar a oposición.

A campaña electoral aínda agudiza máis esa falta de pluralismo nuns medios públicos que poñen no centro da axenda informativa os asuntos que máis lle interesan ao Partido Popular, aínda que iso signifique mover o foco da realidade galega para se pousar na española, e nos que comparten protagonismo absoluto Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, fronte á invisibilización da oposición.

Mención á parte merece a falta de calidade lingüística, sobre todo, nos espazos de debate e opinión, con comentaristas que non só fan un uso intolerábel do idioma propio da Galiza, senón que defenden un discurso galegófobo nuns medios públicos creados para promover, difundir e impulsar a lingua galega (e non para a denigrar).

Desde estas liñas solidarizámonos coas traballadoras e traballadores da CRTVG, conscientes das represalias que sofren ante unha dirección que non se arrubia á hora de excluír da revista de prensa o único diario en papel en galego por non gostar da súa liña editorial.

Comentarios