Un PP enferruxado

[Xoán Costa]
O PP puxo en marcha a súa maquinaria electoral, nun intento de acelerar a carreira de Feixoo cara á Moncloa. Sabedor de que, co actual reparto parlamentar, non logrará a investidura, toca engraxar as engrenaxes por se as investigacións policiais ou xudiciais precipitan un adianto electoral. O PP ensaia un novo eixo discursivo con Tellado como mecánico xefe. Mais o espazo da extrema dereita está ocupado por Vox e, por moito que o PP se endereite e insista no voto útil, ese terreo é escorregadizo e difícil de conquistar. Por iso Feixoo apunta ao centro, un lugar difuso mais decisivo para sumar novos escanos e deixar atrás a frustración dos “catro votos” que frearon as súas aspiracións. Ao mesmo tempo, endurece o ton no Congreso e pasa a un rexistro imitador de Milei; lanza propostas que fan dubidar do seu dominio do dereito constitucional e entrega á presidenta unha listaxe de preguntas parlamentares, como se dun exame se tratar.

Na Galiza coñecemos ben Feixoo e as súas estratexias: as utilizadas para chegar ao goberno e como inxectar cartos en medios que nutriron o seu narcisismo político. Coñecemos as súas medidas antigalegas, tan firmemente asumidas por Rueda. E tamén sabemos que, se a lexislatura chega a 2027, a maquinaria agora tan ben engraxada pode acabar enferruxándose e os resultados non seren os agardados.

Comentarios