Un Papa para Feixoo

[Xoán Costa]

Morre o Papa e o Estado español decreta tres días de loito oficial, nun xesto que transcende o protocolo e evidencia o vínculo persistente entre poder civil e relixioso por máis que se enfeite de pretendida neutralidade constitucional. 

Morre o Papa e o Arcebispo de Compostela comunica a nova en español, nun xesto que evidencia o descompromiso institucional co país e coa súa lingua, nunha postura que non é casual, senón reflexo dunha adhesión histórica ao centralismo, allea ás necesidades reais e emocionais da sociedade galega.

Morre o Papa e Feixoo condensa o momento na expresión "o Papa que falaba español". A frase, breve e aparentemente inofensiva, xa o di todo: a redución dunha figura global á súa utilidade para o relato españolista. Non importan os matices teolóxicos nen os dilemas éticos. Importa que falaba español, reafirmando así esa España unívoca na que Feixoo cre, e que nunca deixou atrás. Porque, malia os traxes de liberal europeo e de xestor moderno, o Feixoo de fondo é o mesmo: o que ve na lingua unha fronteira ideolóxica e nun Papa que fala español unha oportunidade para celebrar o que de verdade lle importa: esa patria estreita, monocroma e rancia da que nunca marcha e á que sempre regresa.

Comentarios