Un mal negocio

[Alberte Mera]
O eucalipto está en crise. Non a súa plantación, que se ve favorecida na "non-moratoria" anunciada pola Xunta da Galiza na lei de acompañamento dos orzamentos de 2026. De aprobarse no Parlamento da Galiza, permitirase a substitución de piñeiro por eucaliptais en máis de 15.000 hectáreas. Porén, o prezo da súa madeira leva anos á baixa. Propietarios de plantacións de eucalipto denuncian a crise do sector, a súa facturación en 25 millóns en dous anos. Ence afronta unha crise descoñecida até o de agora, con máis de 300 camións que a nutren de madeira parados en protesta contra a empresa, e o persoal mobilizándose ante o anuncio de despedimentos masivos. Porén, o Goberno de Alfonso Rueda porfía na celulosa, canto máis grande é a crise do eucalipto e da pasteira, máis grande quere el a macrocelulosa na Ulloa. Mentres, temos outra crise, a do monte galego, cun modelo forestal sen rumbo, que favorece incendios cada ano máis voraces. E alén dos fogos, tamén as súas consecuencias. En Valdeorras a chuvia arrastra a cinza do monte queimado e contamina os depósitos de auga potábel. A Xunta, tras semanas de protestas de alcaldesas e alcaldes da comarca que se senten "abandonados" polo Executivo galego, reuniuse onte con eles. Foi "unha perda de tempo", lamentou a alcaldesa da Rúa, pois a Xunta deixa Valdeorras á deriva. Nunha semana non haberá nin auga para ducharse, alerta a rexedora.

Comentarios