Opinión

Terceira dose de 'Nós Diario'

[Xoán Costa]

Con este número que agora tes nas mans, Nós Diario completa dous anos de existencia. Entre aquel primeiro número de xaneiro de 2020 e este derradeiro de 2021 son 517 os chegados aos quiosques e aos domicilios de persoas e entidades subscritoras. Toda a nosa vida como diario estivo marcada pola Covid-19. Dous anos de vida que supoñen dúas doses de vacina contra o negacionismo cultural, lingüístico ou nacional, quer da administración galega quer de persoas ou entidades que non consideran necesario un medio como o noso e entenden que os existentes son suficientes.

Contra ese negacionismo, coa túa axuda, queremos administrar unha terceira dose de Nós Diario. Mais enténdase ben: non son os negacionistas a nosa razón de existencia. Nós Diario existe para aquelas galegas e galegos que procuran información veraz, rigorosa e plural sobre o que acontece tanto na súa contorna máis próxima como na máis afastada. A terceira dose de Nós Diario vai encamiñada a manter, e a alongar, sen efectos secundarios, ese compromiso. Palabra.

Comentarios