Opinión

E tamén actrices e actores

[María Obelleiro]

Prevese un outono quente en canto a mobilizacións, e non é para menos tendo en conta a aprobación do anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza para a sociedade dixital, unha norma coa que o Goberno galego prevé controlar (aínda máis) a CRTVG, a día de hoxe desacreditada por gran parte da sociedade galega debido ás reiteradas denuncias de manipulación e de represalias por parte de traballadoras e traballadores do ente público, que se mobilizan nos Venres Negros desde hai seis anos. A Dirección da CRTVG xa nin sequera pode zafarse das críticas tirando de datos de audiencias, pois non os acompañan.

Tras as críticas de BNG e PSdeG, advertiron do lesivo da norma que impulsa o presidente galego, Alfonso Rueda, tanto o Colexio de Xornalistas como o Comité Intercentros da CRTVG. Onte fixo o propio a Asociación de Actores e Actrices da Galiza, que ve neste proxecto de lei un ataque á transparencia e á pluralidade e un “retroceso moi preocupante”. Tamén carga esta entidade, que agrupa máis de 330 profesionais da interpretación, contra a intención do PP de abrir os medios públicos a idiomas diferentes do galego, un ataque sen precedentes nun sistema mediático españolizado e no cal Nós Diario segue a ser, infelizmente, unha rara avis grazas a todas as persoas que o fan posíbel.

Comentarios