Opinión

Rueda en modo "estrela"

[María Obelleiro]

O PP xa non sabe que ha de facer para “vender” a imaxe de Alfonso Rueda. Primeiro lanzou a campaña na que o levan en bus por Galiza adiante para convidar “a unhas cañas”. Despois, levouno a “pintar a mona” ao programa televisivo “Land Rober”, onde o puxo a bailar co Combo Dominicano. A continuación, preparoulle un discurso, no marco do Debate do Estado da Nación, en que realizaba anuncios de marcado carácter electoral cada tres minutos.

E, onte, xa chegou a guinda da torta: situouno como protagonista do acordo ao que chegou a Consellaría de Educación con CCOO, ANPE e UXT. Con independencia do contido do pacto, á CIG non lle falta razón cando alude ao interese partidista do Partido Popular neste acordo e á “alfombra vermella” na que Rueda tratou de lucirse onte ante parte dos representantes das traballadoras e traballadores do ensino.

Efectivamente, foi unha negociación récord que chamou a atención de comparármolo con outros procesos negociadores. Interesáballe ao PP que se asinase xusto o día en que remata o Debate do Estado da Nación? Queda claro que si atendendo á presenza antinatural e infrecuente de Rueda na sinatura dun pacto destas características, restándolle protagonismo ao titular da carteira de Cultura e Educación. Comezou o “modo campaña electoral” na Xunta da Galiza.

Comentarios