Opinión

Receitas perigosas

[Alberte Mera]

Areceita do Banco Central Europeo para conter a inflación non funciona, como amosan as cinco subas consecutivas dos tipos de xuro. Porén, no BCE son obstinados e onte confirmaron o que xa era previsíbel ao elevar por sexta vez seguida os tipos de xuro -medio punto-, até 3,5%. "A inflación seguirá a ser demasiado alta durante demasiado tempo", di o BCE para peor agoiro. Coa nova suba do valor do diñeiro, os tipos de xuro sitúanse no seu nivel máis alto desde 2008. 

E mentres, febreiro deixou na Unión Europea unha taxa interanual da inflación subxacente -a que exclúe alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos e que marca a tendencia no aumentos dos prezos dos bens e servizos que consumimos- que subiu até o récord de 5,6%. E se iso é preocupante para a UE, canto máis o será na Galiza, onde a subxacente tivo unha variación interanual de 8,2%, segundo os datos confirmados polo INE para febreiro.

A onda de quebras que xa afectou varios bancos estadounidenses e que levou a Credit Suisse a afundirse esta semana, non parece que vaia parar aí. Ante un convulso panorama socioeconómico e a previsión da suba do aumento dos prezos nos vindeiros meses, urxen accións que blinden os custos de cuestións básicas, como alimentos ou vivenda, que garantan o seu acceso a toda a poboación alén do seu nivel de renda.  

Comentarios