Querido litio

[Alberte Mera]
Recursos Minerais de Galicia, filial da empresa aragonesa Samca para a explotación da mina de litio de Beade (Beariz, comarca do Carballiño), vén de recibir unha inxección de cartos de todas as galegas e galegos por medio da entrada no seu capital da empresa público-privada Recursos de Galicia, da que a Xunta da Galiza é accionista maioritaria. O Goberno galego inxecta así recursos públicos na filial da empresa aragonesa que procura extraer o litio da mina de Beariz, declarada proxecto estratéxico pola Unión Europea. Un exemplo de paradigma colonial: Bruxelas marca no mapa da Galiza recursos estratéxicos e unha empresa foránea aventúrase a extraelos, destruíndo a contorna e economía existentes -sostíbeis- levando o materia ansiado lonxe da terra na que foi recollido co obxectivo de transformalo e xerar valor engadido, riqueza e postos de traballo cualificados onde esa empresa é. O Goberno propio, tantas veces súbdito das potencias, acepta que esquilmen o territorio e, como neste caso, faille un benvido Mister Marshall regándoo de cartos. Recorden: Vigo quedou sen o Perte estatal de axudas europeas para ter unha fábrica de baterías de litio, onde o mineral se converte nun produto elaborado e máis valioso. O Perte para crear esa fábrica foi para Zaragoza, capital de Aragón, de onde é o grupo Samca.   

Comentarios