Opinión

Proverbios para Borrell

[Xoán Costa]

Di un proverbio chinés que é mellor acender unha vela do que amaldizoar a escuridade. Acender unha vela foi o que fixo a China no aniversario da invasión de Ucraína por Rusia ao presentar un documento de 12 propostas co obxectivo de procurar unha solución á guerra entre ambos os países. 

A proposta, que parte da defensa da soberanía, a independencia e a integridade territorial de todos os países, condenando tanto o expansionismo da OTAN como a decisión do Kremlin de invadir territorio ucraíno, foi valorada positivamente por Rusia, que di estar disposta a “buscar unha solución aos obxectivos da operación militar a través de medios políticos e diplomáticos" e por Ucraína ao afirmar que se a China “comeza a falar de Ucraína, non está nada mal. Haberá que ver que hai detrás desas palabras.

O que importa son os feitos”. USA descarta a proposta chinesa insistindo en que debería ter rematado despois do primeiro punto, que esixe "respectar a soberanía de todos os países". Para a UE, en palabras de Borrell, a proposta que a China acaba de presentar para o fin da guerra en Ucraína "non é un plano de paz, é un documento de posición, no que a China non distingue agresores de agredidos”. 

Sabedor está Borrell de que ser pedra é fácil, o difícil é ser vidro. E ignorante parece se non considera que quen quer coller rosas debe soportar as espiñas.

Comentarios