Opinión

Promover o español

[María Obelleiro]

Máis un agravio comparativo para engadir á longa listaxe de desprezos aos que o Goberno de Feixoo somete o idioma propio da Galiza. Nesta ocasión, ten a ver coa liña das axudas á compra de fondos para bibliotecas públicas, pois a Consellaría de Cultura suprimiu a porcentaxe mínima esixida para adquirir obras en galego. Así, en 2021, estabelecíase un mínimo dun 25% para comprar fondos editados en galego, mais en 2022 nada se di desta porcentaxe, mais advírtese de que, como mínimo, 50% do importe da subvención concedida destinarase a obras editadas en castelán. Engade que o 50% restante pode dedicarse a obras editadas tanto en galego como en castelán.

O mundo ao revés. En lugar de protexer e defender a lingua propia, a Xunta destina diñeiro público a promover o castelán, sen ter en conta os numerosos indicadores que dan conta do grave estado de saúde do galego. O despropósito seméllase ao da liña de axudas dedicada aos medios de comunicación e da que Nós Diario, único diario en papel editado en lingua galega, foi excluído, malia cumprir as condicións recollidas na orde de convocatoria. O obxectivo semella evidente: reducir o idioma propio á mínima expresión e, con el, a conciencia de país. Este Goberno ten delito!

Comentarios