Opinión

Pornografía na escola

[Xoán Costa]

A directora dunha escola do estado de Florida foi obrigada a dimitir despois de que un pai se queixase perante o Consello Escolar de que os alumnos de sexto ano estaban expostos á pornografía. A denuncia baseábase nunha clase de arte que mostrou ao alumnado unha foto da estatua do David de Miguel Anxo. Nesa aula tamén se incluíron referencias á "Creación de Adán", parte do fresco da Capela Sixtina e ao "Nacemento de Venus" de Botticelli.

Sob o argumento de que nas escolas se está a producir un  “adoutrinamento de nenos e nenas” que é contrario aos principios fundamentais da civilización occidental, en clara referencia ao movemento “woke” que denuncia os problemas de desigualdade ou discriminación, especialmente por razóns de raza, xénero ou orientación sexual, a Florida está a desenvolver unha lexislación educativa tan conservadora que mesmo limita o acceso do estudantado á biblioteca do centro.

A medida en si dá medo e pódenos levar a pensar que iso son cousas dos USA e que xamais acontecería nada igual na Galiza. Mais lembremos que non hai moito Feixoo escrebía en Twitter “Queremos escolas libres de adoutrinamento” e hai menos que unha pastora evanxelista santificou, ao mellor estilo bolsonarista, un acto do PP con Ayuso e Feixoo presentes. A Florida está lonxe, mais non tanto.

Comentarios