Opinión

Pedimos un bus decente

[María Obelleiro]

O adianto electoral provocou que os principais partidos políticos difundisen vídeos de marcado carácter propagandístico que pretenderon viralizar. E conseguírono. O do PP comeza cunha conversa entre Alfonso Rueda e as súas fillas na que lles comunica que pediu, por Nadal, un autobús que, en posteriores escenas, fai que conduce. Un servizo de autobús digno, decente, é o que pedirían as galegas e galegos, e non para que suban os integrantes do Combo Dominicano, senón para poder ir traballar, para poder ir á universidade, para poder ir ao centro de saúde (quen teña sorte de conseguir unha cita médica).

Na meirande parte da Galiza, o servizo de transporte colectivo por estrada, cuestionado, sobre todo, despois de que a xustiza censurara a repartición ilegal das liñas entre dúas grandes empresas (Monbus e Alsa), é máis que deficiente. De feito, as incidencias repítense día tras día: atrasos, buses que non pasan, buses sen prazas... O día 24 e o 25 tampouco se salvaron.

Até tres autobuses que unían Ferrol-Santiago non prestaron servizo o día 24, nin funcionou o servizo na mañá do 25. O mesmo ocorría na liña Santiago-Lugo. Referímonos, ademais, a traxectos sen alternativa razoábel por tren. Ademais de facer campaña, sería bo desenvolver unha política de transporte digna para as galegas e galegos.

Comentarios