Opinión

Pastor e Branco: Ausencias clamorosas

[María Obelleiro]

Vimos de coñecer que o fiscal retirou a acusación contra o ex director de Seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte, no xuízo polo accidente do tren Alvia, en Angrois, que deixou 80 persoas mortas e 145 feridas. Todo apunta a que o maquinista ficará como único responsábel e, de feito, permaneceu como único investigado até que viu a luz o informe de Bruxelas que turraba das orellas ao Estado español pola falta de independencia á hora de analizar o ocorrido. A intervención de Bruxelas propiciara entón que Cortabitarte, o alto cargo designado por Pepe Branco e posteriormente por Ana Pastor, sentara no banco de acusados mais tamén é certo, como advertiron as vítimas, que nos últimos anos todo foi encamiñado a exculpar o ex xefe de Seguridade.

Segue a resultar clamorosa a falta de responsabilidade política de Branco e de Pastor como ministros. Tanto PSOE como PP afanáronse en sacar do debate público o accidente de Angrois polo medo ás consecuencias. Lembremos que con Branco á fronte do Ministerio foi deseñada e inaugurada a liña ferroviaria pola que circularía o Alvia sinistrado e que con Pastor foi posto en servizo o tren e foi autorizada a desconexión do sistema de seguridade ERTMS, que segundo informes contrastados e rigorosos tería evitado ou reducido a dimensión do accidente.

Xa o prognosticaran as vítimas e as familias: Haberá sentenza, mais non xustiza.

Comentarios