Os de sempre

[Xoán Costa]

O presidente da Xunta descualifica as persoas que participan nas manifestacións, etiquetándoas como “os de sempre”. Pero que queren dicir con iso? Trátase dun intento de minimizar a forza dun movemento cidadán amplo, diverso e sostido no tempo, que cuestiona as políticas sociais, económicas e culturais que se están a implantar.

Ignorar esta realidade é negar o evidente: a cidadanía galega está mobilizada, preocupada e activa. Por que reducir esta expresión democrática a unha frase despectiva? “Os de sempre” non son só os que protestan; tamén son os que, desde o poder, perseveran en políticas alleas ás necesidades reais da sociedade. Se cadra, si, somos os de sempre: os que saímos á rúa para defender a sanidade pública, o ensino, o rural, a cultura, o medio ambiente ou os dereitos colectivos. Os que non nos resignamos. E tamén son os de sempre os que gobernan con fórmulas gastadas e discursos baleiros. Cada manifestación é unha chamada de atención. A democracia e a participación social non se esgotan nas urnas: tamén se exercen esixindo responsabilidades na rúa. Etiquetar quen protesta é unha estratexia pobre para evitar o debate social pendente.

Porque, ao final, os de sempre, as de sempre, somos todas aquelas persoas que nunca deixaremos de loitar pola xustiza e o progreso social. Malia que lles pese aos de sempre.

Comentarios