Opinión

Non son actrices porno

[María Obelleiro]

Imaxinen que é agosto de 2019. Festa da Maruxaina, en Cervo -daquela aínda se podía ir de romaría-. Teñen ganas de ouriñar, mais os servizos públicos están ateigados. Deciden apartarse nunha calexa e ouriñan na vía pública. Un ano máis tarde, descobren que saen vostedes evacuando, aquela noite, en páxinas webs de pornografía, algunha delas de pago. Recoñéceselles mesmo a faciana, pois as gravacións son profesionais e as imaxes recóllense desde tres ángulos diferentes.

Se son vostedes homes, descoiden, pois só se difundiron os vídeos de mulleres ouriñando. Se as gravacións resultan repulsivas non o é menos a decisión do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro, que arquivou o caso de maneira provisional ao entender que non se atenta contra a intimidade das mulleres, pois "calquera persoa que pasase pola zona" podería velas. Que mensaxe lanza? A impunidade. Despois botamos as mans á cabeza cando coñecemos experiencias de violencia machista.

Comentarios