A nacionalidade das xardas

[Xoán Costa]

Hoxe fun ao mercado comprar xardas e chamoume a atención o grandes que eran. O peixeiro, contundente, aclaroume a razón: "Son das nosas, pero xa está para acabarse a cota. Axiña chegarán as portuguesas, que son máis pequenas". Non lle preguntei que marcaba a nacionalidade das xardas, pero a idea buligou na cabeza até que reparei no problema das cotas.

As augas internacionais están demarcadas como zonas FAO, un sistema que, ademais de recoller datos e estabelecer cotas, serve, na teoría, para protexer os recursos, aínda que na práctica facilita que os grandes barcos exploren os mares mentres os pequenos mariñeiros ven reducidas as súas capturas. Aí se asenta a política pesqueira da UE, que, no caso da Galiza, impacta en todos os segmentos de frota, non só na baixura e artesanal. Tamén nas frotas galegas de altura e grande altura, case exterminadas. A mesma UE que, iso si, subsidia xenerosamente despezamentos de buques galegos.

Se a sobreexplotación é un problema, proxectos contaminantes como a mina de Touro ou Altri van agravar a situación. A eólica mariña –falsa solución ecolóxica- esperta receos entre os mariñeiros, que temen perder zonas de pesca e postos de traballo. Abandonei o mercado lembrando aquelas palabras de Castelao: "As sardiñas volverían se os gobernos quixesen". E as xardas tamén, digo eu.

Comentarios