Opinión

Mordaza, golpe e réxime do 78

[Alberte Mera]

Acatamento. O Senado deixouse onte amordazar por unha decisión antidemocrática do Tribunal Constitucional que vulnera a división de poderes pondo a sede do lexislativo e expresión da vontade democrática das electoras e electores a disposición do Poder Xudicial. Unha decisión, a da segunda feira, insólita -no que ten a ver cos Cortes estatais, pois ao Parlament de Catalunya xa lle prohibiron tamén debater e votar en 2017- na que ordenou suspender de forma urxente un debate parlamentario. Finalmente, onte a Comisión de Xustiza do Senado deu luz verde á reforma que derroga a sedición e retoca o delito de malversación, mais sen as emendas vetadas polo Constitucional.

A chamada "sede da soberanía popular" ficou repregada á decisión dun poder capitaneado por elementos reaccionarios cuxo mandato está caducado e que ademais, coa súa decisión, asegura a súa propia permanencia. E todo, cun señor presidente do Tribunal Constitucional, Pedro González-Trevijano, reitor da Universidade Rei Juan Carlos cando se sucederon os escándalos dos mestrados de Cifuentes e Pablo Casado, ademais de poñente do recurso de Vox contra o primeiro estado de alarma na pandemia. A falta dunha ruptura co réxime franquista e as ligazóns do alto poder xudicial coa dereita máis dura saen á luz.

Comentarios