Opinión

Mochilas que pesan

[Alberte Mera]

As mochilas pesan. Aínda que coloquialmente se fale de mochilas como os pesos negativos que cargamos polas malas experiencias, tamén hai que reivindicar os “pesos bos”, como os recordos e vivencias felices ou os desexos de futuro. O que non é de recibo é termos que cargar con pesos que non nos corresponden.

De novo, a maioría da sociedade galega está a cargar nas mochilas cunha crise que non xerou, que non lle corresponde cargar nin pagar. Os datos relativos á crise de prezos que este xornal analizaba na súa edición de onte amosan a maior incidencia da alza inflacionista sobre as clases populares galegas naquilo no que máis se nota: os alimentos.

As cifras do IPC certifican o encarecemento dos alimentos 15,6% entre xaneiro de 2022 e 2023, unha porcentaxe superior á do Estado español. Na Galiza, alén dos alimentos, as medicinas encareceron 2,1%, o transporte 6,9%, a cultura 2,4% e a hostalaría 8,5%.

Mentes, a inflación subxacente foi en xaneiro de 7,5%, a máis elevada desde 1986. Isto preocupa, pois ao non reflectir a evolución dos prezos dos alimentos non eleborados nin da enerxía, esta taxa marca a tendencia estrutural da economía e é a máis difícil de conter, avanzando unha crise maior na que os parches se descolarán e un cambio estrutural e de modelo será máis preciso que nunca para evitar o empobrecemento e a ruína da sociedade galega.

Comentarios