Opinión

Luces, crise e acción

[Alberte Mera]

Mentres a Universidade de Vigo aprobou o seu plan de redución de gasto enerxético polo que, entre outras medidas, a calefacción funciona de 1 de novembro a 15 de abril e só nos días en que a previsión meteorolóxica marca unha temperatura inferior a 18 graos, e ao tempo que anuncia que requisará todo calefactor que se atope nas dependencias da Uvigo, outra institución pública, neste caso o Concello vigués, procede hoxe a acender 11 millóns de luces led polo Nadal -aínda que hoxe sexa 19 de novembro-. De primeiras, parece contraditoria esta aposta polas luces como principal reclamo turístico dunha cidade galega cando desde os poderes públicos apelan a unha redución do consumo enerxético. Aliás, onte recibiamos outra noticia difícil para os petos: o prezo medio da luz para clientes de tarifa regulada repuntaba 51,6% con respecto á xornada anterior, chegando até os 114,52 euros por megawatt/hora. A luz, a prezo de luxo. E pasando ao campo da cultura, o Concello anunciou que ademais das catro músicas do ano pasado que soarán na céntrica Porta do Sol xunto á árbore xigante (Happy Christmas, de John Lennon; a banda sonora de Piratas do Caribe e do Último Mohicano, e All I want for Christmas is you, de Mariah Carey), tamén se escoitará como novidade este ano English man in New York, de Sting e o Vals número 2 de Shostakovich. Nadal sen galego? Por que ese desleixo?

Comentarios