Opinión

Iso é todo, señor presidente?

[Xesús M. Piñeiro]

Sendo Núñez Feixoo presidente da Xunta e do PPdeG houbo en 2010 un ingreso de 50.000 euros en metálico procedente do Partido Popular de Pontevedra para a ‘caixa B’ da organización que daquela comandaban Mariano Raxoi e Dolores de Cospedal. Así o denunciou Bárcenas, ex tesoureiro do PP, en sede xudicial.

Unha denuncia grave sobre a que BNG e PSdeG preguntaron a Feixoo na sesión de control no Parlamento. El sabía que lle ían preguntar por ese tema mais, en vez de dar repostas que disipasen as sospeitas, optou por atacar a oposición, xogar ao vitimismo ou reprochar a nacionalistas e socialistas “irresponsabilidade” por, en tempos de pandemia, dixo, preguntar por unha corrupción ao PP que se mide xa en millóns de euros.

Ana Pontón e Gonzalo Caballero foron concretos e claros nas preguntas: “Consentiu unha ‘caixa B’ no PP galego?” “Que ten que dicir a respecto dos millóns roubados á cidadanía galega pola corrupción?”. Feixoo non ofreceu explicacións concretas nin claras. Optou por atacar, unha vez máis, a oposición. Fronte a unhas acusacións tan graves, iso é todo señor presidente?

Comentarios