Opinión

Galiza Mártir

[Xesús M. Piñeiro]

En 1942, nun mundo baixo a gadoupa do fascismo e nazismo, o exilio galego en Bos Aires instituía o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, escollendo a data do asasinato na Caeira de Alexandre Bóveda para lembrar e honrar todos e todas as asasinadas e represaliadas pola barbarie fascista. O mesmo exilio que naquela altura batallaba para que no centro galego non ondease unha  bandeira ‘rojigualda’ que, denunciaban, era o emblema dos fascistas. 

Hoxe, xa en pleno século XXI, o rexurdir e profusión de ‘rojigualdas’ – e xa sen a máscara de se sacar para celebrar xestas deportivas- vai da man, como daquela, de discursos uniformadores e excluíntes. Por iso segue a ser unha cuestión non de pasado senón de presente e de futuro lembrar todas e todos os ‘bóvedas’.

En Pontevedra, no cemiterio de Santo Amaro en que foi enterrado Alexandre Bóveda, foi onde se realizou en 1977 – morto Franco- o primeiro acto público na Galiza do Día da Galiza Mártir. Habería que agardar a  2006 – derrotado Fraga- para que o Parlamento galego aprobe unha iniciativa que lle daría carta institucional á conmemoración.

Non nos dá a gana de rendernos.

Comentarios