Opinión

Galileo e o Himno Galego

[Xoán Costa]

Cantar a nación é a denominación dos actos organizados por Vía Galega e Galiza Cultura para conmemorar o aniversario da interpretación solemne, o 20 de decembro de 1907, no Gran Teatro da Habana, do Himno Galego. Os actos insérense na campaña de restauración da letra correcta do texto pondaliano, após o PP e o PSOE teren rexeitado no Parlamento unha ILP destinada a ese fin, o que na práctica significa manter a erroneamente oficializada.

Nos derradeiros anos, os traballos de investigación permitiron coñecer e modificar datas sinaladas do noso pasado: a de nacemento de Rosalía de Castro ou de Castelao; a da execución de Pardo de Cela, durante décadas marcada para o 17 de decembro de 1483 e que hoxe se fixa para o 3 de outubro do mesmo ano.

Diranme que non é o mesmo mudar a celebración do Día de Rosalía que corrixir erros na transmisión do texto de Pondal, mais concordarán comigo que un Parlamento que non considera unha investigación científica rigorosa como a presentada por Manuel Ferreiro, mesmo obviando que esa era a vontade de Pondal, ten un aquel de Galileaico. Por iso actos como os do próximo día 20 – que trasladan ao público a existencia e a vixencia dun símbolo ao tempo que reivindican o dereito a coñecermos a nosa historia- nos permiten lembrar Galileo e con el dicer “e pur si muove”.

Comentarios