Opinión

O galego en Donostia

[María Obelleiro]

No mesmo día en que o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, desde o consideraba “mercadeo” a oficialización da lingua galega no Congreso e tamén na mesma xornada en que o ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, volvía desprezar o galego desde a tribuna da Cámara Baixa española, o equipo do filme O Corno, da vasca Jaione Camborda, levaba o idioma propio da Galiza, con orgullo, a un dos festivais de cinema máis prestixiosos do planeta: o de Donostia. Trátase da primeira película en lingua galega que compite pola Concha de Ouro. Ademais, na cita donostiarra, poderán verse outras fitas rodadas en galego, como Sica e Matria. Unha mostra máis de que o cinema galego -en galego- non ten fronteiras.

Precisamente, a lingua será hoxe protagonista na Toxa (O Grove), onde a Mesa pola Normalización Lingüística convocou unha mobilización contra o uso do topónimo ilegal da illa, coincidindo coa apertura do foro neoliberal que deturpa a nomenclatura oficial deste territorio do Salnés. Máis unha vez, veremos representantes do Goberno galego lexitimar un encontro que agravia o idioma que ten o deber de protexer e impulsar. Mais... que esperar dun Executivo cuxo presidente se pronunciou nas últimas semanas contra o uso da lingua galega no Congreso. Quen mercadea con que?

Comentarios