O futuro dos medios públicos

[Yuri Carrazoni]
Sen consenso, e recorrendo ao rodete, como adoita acontecer nos debates que teñen a ver cos medios de comunicación públicos, onte o Partido Popular consumou no Parlamento da Galiza a designación de Concepción Pombo como directora xeral da nova Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG), ente que identificamos coas siglas CRTVG até que as soterrou a nova Lei de medios. Unha candidata imposta pola formación gobernante, que tras a reforma da citada lei non precisou do aval de ningunha das forzas da oposición, ao permitirse, como sucedeu onte, que tras dúas votacións infrutuosas a terceira se decante por maioría absoluta, e non reforzada; ou, o que é o mesmo, que agora abonda cos votos do PP. Pombo, agora á fronte da CSAG, substitúe Alfonso Sánchez Izquierdo, o seu único antecesor nun cargo que ostentou desde a vitoria nas urnas de Alberto Núñez Feixoo en 2009. Nos últimos anos estivo á fronte da área de Informativos, un dos departamentos de maior responsabilidade e que máis críticas suscitou por parte do persoal da corporación desde que en 2018 se convocou o primeiro 'Venres Negro'; o desta semana será xa o número 373. Os traballadores e as traballadoras que participan das mobilizacións en defensa da pluralidade nos medios públicos ven neste nomeamento un "premio a quen levou a Galega ás máis altas cotas de manipulación" e ás "máis baixas audiencias". Non semella a mellor carta de presentación.

Comentarios