Fíos de seda

[Xoán Costa]

Cando Altri anuncia que pintará de verde a súa cheminea de Palas de Rei para "integrala na paisaxe", só confirma o refrán: "Quando um mono se veste de seda, se mono era, mono se queda." Unha capa verde non pode agochar unha industria que devorará 46 millóns de litros diarios de auga do Ulla e emitirá compostos contaminantes que afectarán a poboación e os ecosistemas.

Di outro refrán que "Cego é quem vê por entre fios de seda." Isto é, quen acepta medias verdades ou prefere unha versión edulcorada da realidade está, en certo modo, vendo sen ver. A verdadeira cegueira non está en quen non ve, senón en quen se conforma con ver o mundo a través dun filtro, unha ilusión ou unha mentira.

Até que a realidade o desmonta todo, discurso oficial incluído. Esta planta dedicarase á produción de pasta sen fechar o ciclo na Galiza, incrementando a nómina das industrias dedicadas á primeira transformación. A prioridade, pola contra, debe ser outra, e cara aí debe encamiñarse o apoio público: o desenvolvemento de industrias con maior valor engadido, non de proxectos que afondan no monocultivo e na dependencia extractiva.

Un país non se constrúe sobre monocultivos, chemineas pintadas de cores ou trucos de ilusionismo industrial. Constrúese sobre a protección do patrimonio natural: eis o verdadeiro desenvolvemento sustentábel.

Comentarios