Opinión

Feminismo

[María Obelleiro]

Máis un 8-M as mulleres reivindicámonos para rachar co patriarcado, en aras da igualdade real. Escribimos neste espazo ducias e ducias de editoriais, claramente feministas, en defensa dos dereitos das mulleres, porque estamos ante unha loita que transcende unha data. A precarización laboral segue a ser unha realidade, con tarefas de coidado sen remunerar, con salarios máis baixos que os homes e cunha temporalidade nos contratos máis acentuada. Ademais, coa pandemia, as fendas de xénero, a todos os niveis, non fixeron máis que agravarse. Fomos as encargadas de asumir, en gran medida, o traballo de coidado das persoas vulnerábeis e aínda que se demostrou que as tarefas feminizadas son esenciais para a sociedade, aínda non se acordou medida específica ningunha para nos recompensar. Seguimos a ser explotadas mediante a prostitución e co negocio dos ventres de aluguer. A violencia machista perséguenos, ao igual que a discriminación e o paternalismo. A conciliación segue a ser unha entelequia e a sociedade patriarcal segue a impornos un modelo de familia tradicional, cun papel reprodutor. O futuro non pinta mellor, cun agravamento da crise que volverá cargar máis contra nós. Cómpren políticas públicas desacomplexadamente feministas e que a perspectiva de xénero impregne todas as esferas, tamén a mediática.

Comentarios